Tomiño continúa coas obras de mellora dos seus camiños municipais

Tomiño continúa coas obras de mellora dos seus camiños municipais Realizáronse novas intervencións no acceso á Silvosa-Freixoal e no barrio do Tollo en Goián, por un importe de 46.320 euros

O Concello de Tomiño continúa realizando obras de mellora no conxunto dos camiños rurais dentro do Plan Municipal de Mellora de Asfaltados. Recentemente leváronse a cabo novas intervencións para o asfaltado das pistas de acceso ao Freixoal e á Silvosa, nas parroquias de Vilameán e Barrantes, así como no camiño de acceso aos viveiros no barrio do Tollo, en Goián.

En total a intervención supón a mellora a través do asfaltado de 978 metros no caso do acceso á Silvosa e o Freixoal e de 370 metros no camiño do barrio do Tollo. Estas obras, cun importe total de 46.320 euros, foron financiadas ao abeiro das axudas do Plan Marco 2020-21 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) para a mellora dos camiños municipais. A convocatoria esixe que as actuacións se desenvolvan en camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso a como mínimo dúas parcelas agrícolas ou unha instalación agrogandeira.

Todas estas obras teñen como finalidade mellorar as condicións de mobilidade, accesibilidade e circulación nas distintas rúas e camiños de Tomiño, co conseguinte incremento da seguridade viaria para peóns e automóbiles. “Nun concello disperso e cunha rede de camiños rurais que supera os 500km, manter unha axeitada conservación en todos eles supón todo un reto, polo que é importante contar con axudas para este fin, especialmente nun caso coma o noso”, comenta o concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto.