Tomiño continúa coordinando a través dunha comisión as accións dirixidas a minimizar o risco de contaxio Esta semana a desinfección das rúas con maior concentración de habitantes será diaria

O Concello de Tomiño -coma xa se publicase- dispuxo o pasado día 12, a creación dunha comisión municipal de seguemento da situación do Covid-19, co fin de facer un seguemento continuado das indicacións das autoridades sanitarias a nivel estatal e autonómico, e coordinar as accións pertinentes a nivel municipal.

Así mesmo, esta comisión, encabezada pola alcaldesa, Sandra González e integrada tamén polos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, representantes dos grupos da oposición; dos traballadores e traballadoras e responsables da policía local, encárgase de coordinar a comunicación á poboación dun xeito áxil e veraz, sobre todo, a través das redes sociais do Concello, onde veñen colgándose cartaces e información actualizada de forma constante, para guiar á poboación e tranquilizala. Tanto no Facebook, coma no Instagram e a web municipais, os cidadáns poden atopar unha serie de instruccións, expostas dun xeito claro e directo, sobre as actividades que se están a levar a cabo, con suxestións e consellos realmente útiles nesta situación de crisis (información sobre os taxis que prestan servizo e outros transportes públicos, etc.).

A comisión reúnese unha vez ao día (de forma telemática) para valorar a situación e está en contacto permanente cos profesionais sanitarios do centro de saúde para a tender e transmitir as súas indicacións.

Asemade, procedeuse a semana pasada e vaise a retomar nesta, a desinfección diaria das rúas con maior concentración de habitantes dos núcleos urbanos de Tomiño e Goián, durante as primeiras horas da mañá, substituíndo a limpeza tradicional que se viña facendo.

Aínda que se procedeu á cancelación de todos os eventos culturais e deportivos programados para estas semanas, están a funcionar os servizos mínimos municipais con normalidade.

O 90% dos traballadores e traballadoras están a exercer as súas funcións dende a casa (teletraballo), pero hai áreas, coma a de Benestar Social, que están traballando arreo, por quendas, para dar servizo a todas as familias e persoas en situación de vulnerabilidade. Nesta liña, o Concello está a traballar coordinadamente con Protección Civil, para poder vixilar e acompañar os devanditos casos, incluso, de forma domiciliaria.

Por outra banda, estableceuse unha listaxe de comercios e pequenos comercios (publicada nas redes)que levan a compra a domicilio , minimizando con esta medida, as posibilidades de contaxio.

O Concello súmase ao chamamento á calma e á prudencia, e pide ás veciñas e veciños de Tomiño que sigan as indicacións oficiais en materia de protección e prevención. A alcaldesa salienta o bo comportamento da cidadanía de Tomiño e segue chamando á responsabilidade e solidariedade de todos e todas as veciñas, e a quedarse na casa, utilizando os medios telefónicos e telemáticos sempre que sexa posible.