Tomiño continúa recuperando espazos 
para as persoas coa remodelación da
 contorna da Igrexa de Amorín

Tomiño continúa recuperando espazos 
para as persoas coa remodelación da
 contorna da Igrexa de Amorín Con esta intervención, que supera os 2.400 m2 e conta cun orzamento total de 180.000€, crearase un punto de encontro na parroquia que funcione como lugar de convivencia

O Goberno local de Tomiño segue dando pasos cara adiante no proceso de transformación do modelo urbano do municipio, un novo modelo que busca a recuperación de espazos públicos dos núcleos urbanos das parroquias pensando nas persoas. Neste sentido, o Concello de Tomiño vén de comezar nestes días as obras de remodelación da contorna da Igrexa parroquial de San Xoán de Amorín, que se converterá nun punto de encontro neurálxico da parroquia e que funcionará como lugar de convivencia da veciñanza.

Coa remodelación do núcleo do Seixo como referencia, con estas obras o Concello aposta por “recuperar os espazos públicos das parroquias, accesibles e pensados para os veciños e veciñas, creando lugares pensados para que a xente camiñe, pasee, desfrute…. e sempre dando prioridade ás persoas maiores, aos nenos e nenas e ás persoas con discapacidade. Estas obras suporán un antes e un despois non soamente na parroquia de Amorín, senón en todo o concello de Tomiño”, como salienta a alcaldesa da vila, Sandra González.

Proxecto de humanización de Amorín

O espazo público anexo ao adro que se está a remodelar, alberga na actualidade un palco de música e un cruceiro e atópase pavimentado con aglomerado asfáltico, usándose como aparcadoiro e sen ofrecer seguridade suficiente para a veciñanza. Neste espazo hai ademais, nove plátanos de gran porte, árbores que, xunto coa igrexa, o cruceiro e o palco, cualifican a contorna.

 

O obxectivo da intervención é, coma xa sucedera no casco urbano de Tomiño, xerar un ámbito espacialmente atractivo, que invite á xente a utilizalo dun xeito seguro e accesible, potenciando así as actividades lúdicas e sociais e poñendo en valor a arquitectura e o espazo público. Cun orzamento total de 180.000 euros, as obras alcanzan  uns 2400 metros cadrados e foron adxudicadas á empresa Construcciones Castro S.L.

Trátase deprotexer do tráfico de vehículo a zona existente diante do adro da igrexa, onde se atopan o cruceiro e o palco, xerando un espazo de estancia e poñendo en valor o eixo entre o cruceiro e a igrexa. Este novo espazo converterase nunha alameda, con pavimentos brandos, de xabre compactado. Por último, procederase á colocación de xogos infantís.

Estas obras de humanización servirán ademais para visibilizar o muro de pedra labrado que pecha a igrexa, un muro con gran valor patrimonial que na actualidade se atopa soterrado parcialmente pola beirarrúa existente. Para poder levalo a cabo variaranse as cotas do novo espazo público xerado, que contará con plataforma única e que favorecerá a accesibilidade universal. Por iso tamén se demolerán as escalinatas de acceso ao torreiro e se construirá no seu lugar unha rampla.

O resultado destas obras será, segundo explica a alcaldesa,“un espazo público contemporáneo, máis humanizado, no que prime o uso peonil, e que poña en valor a arquitectura e o propio lugar, cunha iluminación especifica pensada para este ámbito, e tamén un novo mobiliario urbano, bancos e papeleiras”.