Tomiño contratará a 23 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos 2023

Tomiño contratará a 23 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos 2023 Cubriranse ata nove postos diferentes a xornada completa e os contratos terán unha duración de entre seis e 11 meses

O Concello de Tomiño incorporará este ano ao seu persoal a 23 traballadores e traballadoras contratadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a través da liña 3 para a activación do emprego, dispondo para isto dunha axuda de 273.403,74 €. Estas novas incorporacións “non soamente permitirán reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais que precisan máis persoal ou nos que se realizan traballos estacionais, senón que dará tamén unha oportunidade laboral a veciños e veciñas que están na procura de emprego”, como destaca a alcaldesa, Sandra González.

A través deste plan de contratacións cubriranse ata nove postos diferentes con traballadores e traballadoras a xornada completa e contratos de entre seis e 11 meses de duración. Así, está prevista a incorporación de:

  • 13 peóns de xardinaría (9 durante sete meses, 2 con contrato de 9 meses e outros 2 durante 11 meses).
  • Un peón da construción (6 meses).
  • Dous persoas condutoras-operadoras de retroescavadora Oficial 2º (durante 7 e 8 meses, respectivamente).
  • Dous instaladores ou instaladoras electricistas en xeral Oficial 1ª (7 meses).
  • Unha persoa para mecánica de mantemento e reparación de automoción en xeral Oficial 2ª (7 meses).
  • Un soldador ou soldadora de estruturas metálicas lixeiras, especialista (7 meses).
  • Un técnico/a administrativo en xeral, categoría Oficial administrativo (6 meses). Como requisito debeán posuír a titulación ou titulacións de Ciclo Superior ou equivalente da familia profesional de Administración e Xestión que se establezan nas bases da selección.
  • Un traballador ou traballadora social, categoría axudante titulado (6 meses).
  • Un enxeñeiro ou enxeñeira técnica forestal ou biólogo ou bióloga, categoría axudante titulado (6 meses).

As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Tomiño, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.

O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección dos e das aspirantes. Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33% sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos, familias monoparentais con fillos ou fillas ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.