Tomiño dá a benvida a un Nadal cheo de lecer

Tomiño dá a benvida a un Nadal cheo de lecer Comezará co acendido do alumeado este sábado 3 e continuará durante todo o mes con actividades culturais, unha campaña de fomento do comercio local e unha nova edición de ‘Unha postal polo Nadal’

Tomiño prepárase para dar a benvida a un Nadal cheo de luz, cor e lecer para todos os públicos. Durante o vindeiro mes, o Concello pon en marcha unha programación “coa que buscamos que a veciñanza desfrute dunha época tan sinalada non só cunha morea de actividades todas de balde, senón tamén convidando a todas as tomiñesas e tomiñeses a gozar do municipio, saír ás rúas e mercar no noso comercio local”, explica a alcaldesa, Sandra González.

O pistoletazo de saída ao Nadal darase este mesmo sábado 3 de decembro co acendido das luces, que enchen Tomiño de cor a través de diferentes elementos decorativos que crearán un acolledor ambiente para estas datas. A partir de aí comezará un programa no que o público poderá escoitar o concerto da Coral Polifónica de Tomiño o domingo 11 de decembro (ás 19.00 h no auditorio municipal de Goián) e á Agrupación Musical de Goián no seu tradicional concerto de Nadal o día 18 (18 h, auditorio de Goián), no que participa boa parte do alumnado da Escola de Música, dende os máis pequenos do xardín musical ata a banda infantil e xuvenil.

O 26 de decembro chega ‘O Nadal no Mercado’, que comezará con ‘Arte e contos no Nadal’, unha sesión de narración oral que rematará cun obradoiro de actividades artísticas empregando diferentes técnicas. A cargo de Migallas Teatro, a actividade será ás 11.30 horas con entrada de balde. Xa o 29 de decembro, ao primeiro andar do Mercado chega ‘Carabranca’, de Compañía Eléctrica, un espectáculo de narración oral baseado nun conto de Iván Sende na que os pequenos e pequenas poderán vivir unha historia de aventuras, ánimo de superación e valores que fomentan a igualdade. Será ás 11.30 h, con entrada libre.

Tomiño rematará o 2022 con actividades na carpa da Praza do Seixo o venres 30 e coa visita do Apalpador o sábado 31 ás 12.00 horas. O ano comezará un ano máis con inchables o martes 3 e o domingo 4 de xaneiro e a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro polas parroquias e a Praza do Seixo.

Por outro lado, o Concello quere seguir apoiando ao comercio local nestas datas, polo que puxo en marcha unha nova edición da campaña ‘Nadal + Nadal’, unha iniciativa que busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que escollen mercar no seu municipio. Do 9 ao 27 de decembro os usuarios e usuarias participarán no sorteo de vales de compra polo dobre do valor dos seus tíckets, mentres que os establecementos competirán por ver quen deseñou a mellor decoración de Nadal tanto dentro dos locais como nos escaparates.

Durante o vindeiro mes, as actividades completaranse un ano máis co proxecto ‘Unha postal polo Nadal’, unha iniciativa organizada polo Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, coa que se realizará unha recollida de postais personalizadas feitas polo alumnado dos centros educativos para enviar con moito agarimo ás persoas maiores do municipio.