Tomiño dá o pistoletazo de saída á rehabilitación enerxética da Casa da Cultura

Tomiño dá o pistoletazo de saída á rehabilitación enerxética da Casa da Cultura O Concello captou un millón de euros do Plan PON2030 para esta iniciativa e a mellora da súa contorna

Alcaldesa e presidente da Deputación de Pontevedra asinaron o convenio para a posta en marcha do proxecto

O Concello dá o pistoletazo de saída a ‘Integra Tomiño’, un proxecto transformador para o municipio que contempla a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura e a implementación de melloras no espazo público de toda a contorna. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron o convenio para a posta en marcha deste proxecto para o que o Concello foi quen de captar un millón de euros a través do Plan PON2030.

A través desta iniciativa, o Goberno municipal busca continuar transformando e revitalizando Tomiño ao tempo que se toman medidas para loitar contra o cambio climático, apostando pola eficiencia enerxética e a sostibilidade.

Cun investimento total de 1,3 millóns de euros, o proxecto ‘Integra Tomiño’ non só abarcará a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura, senón que tamén permitirá a mellora e acondicionamento de todo o espazo adxacente situado diante do edificio de Benestar Social, na rúa República Arxentina e na vía situada tras a Casa da Cultura, ata o Centro de Día.

O obxectivo é a integración de equipamentos a través do espazo público para crear unha contorna cohesionada e funcional que permita conectar servizos para o uso e desfrute da veciñanza. “Grazas á capacidade do Concello de captar fondos externos seguimos levando adiante proxectos que melloran e modernizan as infraestruturas existentes e que permiten crear un espazo máis accesible e atractivo para a veciñanza”, salientou a alcaldesa.