23 Dec Tomiño dedicará máis de medio millón de euros á compostaxe e case un millón á asistencia social O goberno local leva a pleno antes de final de ano os orzamentos máis altos da súa historia: 8.200.000 euros
O Concello de Tomiño xa ten listos os seus orzamentos para 2020. Preséntaos en tempo e forma, converténdose nun dos primeiros da comarca en levalos ao pleno; concretamente, o día 26.
Trátase dos orzamentos máis altos da historia de Tomiño, xa que ascenden a 8.200.000,00 euros, o que supón un incremento de máis dun 11% con respecto ao ano anterior. Uns orzamentos de marcado carácter social, xa que este capítulo que máis crece é o de asistencia social primaria, pasando de 750.000 euros a 940.000 euros, cun incremento do 25% con respecto ao ano pasado e dun 35% respecto ao de hai dous anos. Este grande incremento vén dado en boa medida polo incremento na partida do Servizo de Axuda no Fogar, que pasa de 450.000 a 600.000 euros.
O capítulo de investimentos duplícase con respecto ao ano pasado, superando o millón de euros euros. “A grande aposta deste mandato vai ser o Plan Revitaliza de compostaxe dos residuos sólidos urbanos, na súa segunda fase, cun importe de 550.000 do que a Deputación subvenciona 450.000”, apunta o concelleiro de Facenda, Uxío Benítez. A posta en marcha da mellora na xestión do lixo, mediante a implantación do Plan Revitaliza (Liña 2), tentará alcanzar o 100% da compostaxe da materia orgánica xerada no concello, coma están a tentar facer outros cinco municipios da provincia.
Asemade, investirase novamente no Plan Municipal de Mellora dos camiños nas parroquias. 91000€ e no Plan de actuación nos servizos públicos de auga e saneamento, 100.000€; destinando ademais outros 90.000€ para Melloras de eficiencia enerxética no alumeado público.
Por outra banda, o goberno local continúa a apostar pola educación como eixo estratéxico, polo que os orzamentos para 2020 reservan unha partida de 60.000 euros para o Plan da Mellora dos Colexios do municipio, que inclúe programas de actividades extraescolares gratuítas para o alumnado, apoio psicolóxico a menores do municipio ou axudas a principios de curso para a compra de material escolar, ademais das obras de mantemento e mellora que se realizan durante o verán.
Outra boa noticia é que os impostos e taxas manteranse conxeladas, e que no capítulo de persoal, prevese un incremento do 2% dos salarios aos funcionarios públicos.
“Trátase dun plan de investimentos moi ambicioso que contempla a execución e remate de obras por todo o municipio, coas que se procura recuperar o espazo público para as persoas e lograr unha mobilidade peonil sustentable e unha maior calidade de vida”, explica o concelleiro de Facenda, Uxío Benítez.
Importantes obras nas que o goberno local traballou arreo para conseguir financiación e entre as que se contan, entre outras, o acondicionamento da contorna da praza de Figueiró (pendente de adxudicar); acondicionamento da contorna da igrexa de San Xoán de Amorín (case rematada); melloras no campo de fútbol do Alivio (en execución); conservación e mellora do edificio de Benestar Social (en execución); rehabilitación enerxética Escola Obradoiro (por empezar); melloras da seguranza viaria na estrada de Estás; ampliación e mellora da accesibilidade á Alameda de Goián Fase II (en execución), etc.
Tamén están pendentes de contratar as obras de reconfiguración do núcleo de Goián e de mellora da mobilidade e seguranza viaria na Praza do Seixo e contorna, que suman entre ambas as dúas máis dun millón de euros.