Tomiño destinará 25.000 euros a un convenio coa Agrupación Musical de Goián A medida foi aprobada por unanimidade no último pleno e permitirá consolidar o proxecto da Escola de Música, que se constituirá nunha entidade de carácter oficial

Unha modificación de crédito por importe de 25.000,00€ financiada con remanente líquido de Tesourería permitirá ao Concello de Tomiño conceder unha subvención á Asociación Sociocultural de Goián, tendo en conta –segundo reza a moción- que “a Agrupación Musical de Goián é un elemento esencial en termos culturais e musicais”.

A medida foi adoptada durante o último pleno ordinario, celebrado o pasado luns, co voto unánime dos grupos da corporación. A finalidade é colaborar coa Asociación Sociocultural de Goián para o financiamento da ACTIVIDADE ANUAL DA ESCOLA DE MÚSICA E DA AGRUPACIÓN MUSICAL DE GOIÁN. “Trátase dun proxecto consolidado que naceu en 1998 e que enche de cultura o noso pobo, realizando actividades de carácter educativo e cultural no ámbito da música; un dos pilares é a labor que se leva a cabo na escola de música que ofrece clases para todas as franxas de idade, a nivel individual e colectivo e que integra distintas agrupacións, como a minibanda, a banda xuvenil, a banda das persoas adultas, etc.”.

Entre os argumentos que inspiraron a concesión da subvención atópanse feitos constatables, como que varios alumnos e alumnas superan cada ano as probas de acceso aos conservatorios profesionais de música, ou a organización por parte da agrupación, de actividades como os campamentos musicais, os concertos didácticos escolares, Concerto de Nadal, etc. “Préstase moita atención á educación en valores, con charlas, fins de semana de convivencia, excursións, cursos e intercambios con outras agrupacións”, sostén a proposta aprobada.

23 anos de historia

A Agrupación Musical de Goián ten 23 anos de existencia, conseguindo numerosas distincións en diferentes certames. Desta entidade nace a Escola de Música de Tomiño, con máis de 140 alumnos/as na actualidade. O Concello sempre apoiou a actividade desta agrupación, procedendo por exemplo, á remodelación do auditorio de Goián en 2015 para dotar á escola de aulas e espazos de ensaio, oficinas, etc. En breve acometerase a mellora da cuberta, do escenario, equipamento de son e iluminacións das instalacións.

No penúltimo pleno aprobouse a cesión de uso de varias salas, para que a escola puidera inscribirse no rexistro oficial da Xunta de Galicia e comezar a recibir subvencións e axudas. Resta agora redactar un convenio entre Agrupación e Concello que regule dereitos e obrigacións de cada entidade.