Tomiño deu apoio a máis de 4.300 persoas para promover o seu benestar social

Tomiño deu apoio a máis de 4.300 persoas para promover o seu benestar social Xunto a este programa de valoración, orientación e información, en 2021 o Concello atendeu a 285 tomiñeses e tomiñesas na unidade de convivencia e axuda a domicilio e asistiu a 199 familias no de educación familiar

O Concello de Tomiño segue avanzando ano a ano para garantir que toda a veciñanza poida acceder a unha atención social que lle permita mellorar a súa calidade de vida, fomentando a integración e apostando pola prevención. Só durante o ano 2021 a área de Benestar Social prestou apoio a 4.355 persoas dentro do seu programa de valoración, orientación e información, a través do que se tramitaron numerosas solicitudes relacionadas con persoas maiores, con diversidade funcional e dependencia, con familia e infancia ou con muller, entre outros.

Tomiño deu apoio a máis de 4.300 persoas para promover o seu benestar social“Facer una balance anual permítenos visibilizar e dar a coñecer á veciñanza todas as tarefas que abarca a área de Benestar Social e o amplo abano de servizos que ofrece a todos os tomiñeses e tomiñesas, así como ver as melloras e os avances que cada ano facemos na conquista do benestar de todos e todas”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Entre outras accións postas en marcha por esta área, ao longo de todo o ano pasado 65 usuarios e usuarias participaron no servizo de axuda no fogar con carácter básico, e outros 144 con grao de dependencia. Ao abeiro do programa de apoio á unidade de convivencia e axuda a domicilio tamén se prestaron camas articuladas e grúas a 24 persoas, 16 beneficiarios e beneficiarias están adscritos ao programa Xantar na Casa e outros 36 ao de teleasistencia domiciliaria.

Co obxectivo de promover a integración social e a calidade educativa, o Concello de Tomiño ten en marcha tamén un servizo de educación familiar no que participaron o ano pasado 199 familias con 511 menores a cargo. Ademais, dentro do programa de integración social, 168 unidades familiares percibiron algunha axuda económica de emerxencia.

A concelleira responsable da área de Benestar Social, Cristina Martínez, explica que “é fundamental facer unha diagnose social da comunidade, analizar as súas necesidade e demanda, e deseñar así un plan de intervención en caso de colectivos ou persoas socialmente vulnerables, pero tamén facer unha detección precoz de situacións de risco que nos permitan desenvolver actuacións de carácter preventivo ou de promoción e integración social”.