Tomiño e Cerveira clausuran o programa ‘Deporte para todas as persoas’ con grande éxito de participación Máis de 100 persoas de cada municipio asistiron ás actividades que se desenvolven nas dúas marxes, organizadas pola Eurocidade Cerveira-Tomiño

Coa chegada do mes de decembro, remataron as clases do programa transfronteirizo ‘Deporte para todas as persoas’, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño en instalacións municipais de ambos os dous concellos. Máis de 100 persoas tomiñesas participaron nos cursos de ximnasia de mantemento e pilates que cada semana desenvolvéronse en Sobrada (mércores), Tomiño (xoves) e Tebra (venres) e que suscitaron grande interese entre a poboación.

E outro tanto sucedeu en Vila Nova de Cerveira, onde outro centenar de persoas participaron tamén en tres grupos de actividades deportivas gratuítas nos IPSS (Institucións Particulares de Solidariedade Social) dirixidas a un perfil de público diferente, especialmente xente de maior idade.

O programa, de carácter piloto, incluíu ademais das modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira, actividades de piscina en familia nas instalacións municipais de Cerveira, con natación e iniciación ao medio acuático para nenas e nenos de 3 a 12 anos, e actividades para maiores de 55 anos, todos os martes en Cerveira e os xoves no local da Asociación Vontade de Tomiño. Ambas as dúas tamén cunha boa acollida por parte da poboación.

Este programa deportivo comezou unha nova tempada en setembro de 2018 e estivo operativo ata novembro deste ano, agás no mes de agosto, no que se fixo un parón estival. Os concelleiros de Deportes e Benestar Social visitaron aos grupos tomiñeses durante a derradeira semana de actividade, e puideron constatar a valoración positiva de alumnas e alumnos e do monitor, quen foron quen de solicitar a continuidade da iniciativa.

Estas actividades deportivas e saudables dirixidas aos veciños e veciñas dos dous municipios forman parte da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.