Tomiño e Cerveira publican unha guía turística ilustrada para familias

Tomiño e Cerveira publican unha guía turística ilustrada para familias A mascota Mizi é a encargada de narrar de xeito divertido e didáctico os episodios máis relevantes dos dous municipios

Ante a existencia dunha diversidade de recursos comúns de ámbito familiar, Tomiño e Cerveira publican ‘A Pequena Grande Historia – Eurocidade Cerveira-Tomiño‘, unha guía turística e educativa ilustrada na que a mascota Mizi narra dunha forma divertida e didáctica os episodios máis relevantes desde os primeiros habitantes ata á actualidade, dando a coñecer os lugares máis emblemáticos a visitar neste territorio transfronteirizo.

As familias procuran territorios atractivos que combinen natureza con turismo urbano e cultural, de forma que poidan gozar de tempo de calidade. Incorporando o concepto de ‘Dous Países, Un Destino’, Vila Nova de Cerveira e Tomiño pretenden afirmarse cada vez máis como un ‘destino amigo das familias’, unindo as súas potencialidades naturais, patrimoniais, culturais e de lecer en prol dunha experiencia verdadeiramente única.

Con un perfil moi amigable e un discurso accesible, Mizi asume o papel de guía turístico e promete conquistar a atención das familias. A través de diferentes episodios, como a chegada dos romanos, a independencia de Portugal, a Guerra da Restauración ou a Invasión Francesa, Mizi explica a evolución histórica deste territorio transfronteirizo, sen esquecer a realidade actual. Á medida que conta estes feitos, convida ás familias a visitar monumentos ou outros espazos.

‘A Pequena Grande Historia – Eurocidade Cerveira-Tomiño’ é contada coa conxugación dos dous idiomas, optando por usar unha ou outra lingua, de acordo co idioma no que foi escrito o texto orixinal, e distinguíndoo coa respectiva bandeira. O obxectivo é tamén sinalar a proximidade lingüística, derivada dunha orixe histórica compartida e que contribúe a reforzar aínda máis os lazos de amizade.

Esta guía turístico-educativa ilustrada únese á Guía para Promoción do Sector Turismo xa distribuída nunha vertente máis empresarial, coa intención de mellorar a divulgación e promoción da competitividade do sector turístico, a través da compilación dos principais recursos naturais, culturais e patrimoniais de ambos os concellos.

A Guía forma parte do proxecto “0780_AMIZADE_1_P”, cofinanciado nun 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.