Tomiño énchese de bo humor esta fin de semana con dous espectáculos imprescindibles

Tomiño énchese de bo humor esta fin de semana con dous espectáculos imprescindibles

Ibuprofeno Teatro levará o rock&roll ao escenario do auditorio de Goián coa súa galardoada obra ‘Smoke on the water’. Sábado 21 ás 21 h, de balde

O público familiar poderá desfrutar de ‘Nina Ninette’ de Paula Quintas Cía o domingo 22 ás 17.30 h

O mes do humor continúa en Tomiño con dúas obras de teatro imprescindibles esta fin de semana, dous espectáculos de gran nivel, un para público adulto e outro para toda a familia, que durante unhas horas transportarán ao público a divertidas e entretidas realidades.

Tomiño énchese de bo humor esta fin de semana con dous espectáculos imprescindiblesIbuprofeno Teatro desembarcará no auditorio de Goián este sábado 21 de outubro coa súa galardoada ‘Smoke on the water’, unha traxicomedia sórdida, unha historia de sexo, drogas e rock and roll na que todo flúe de xeito orgánico dende que se acende o primeiro foco ata o éxtase final.

O escenario é a casa de Amparo, enferma en cadeira de rodas, e onde viven o seu fillo Ritchie, ancorado na música dos 70 e cunha tenda de vinilos de colección, e a súa muller Janis, que hai anos que non canta e estuda filosofía na universidade. O seu matrimonio sobrevive despois de 25 anos de crise permanente. Unha relación de dependencia que se ve ameazada pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora que se namora de Janis. O rock and roll é o pano de fondo deste enredo amoroso-financeiro entre un grupo de seres humanos torpes, frustrados, desgastados e maltratados pola vida que provocan tenrura e compaixón.

Recoñecida con dous Premios María Casares, un a Mellor Actor Protagonista e outro a Mellor Espazo Sonoro, a obra poderá verse ás 21.00 horas con entrada de balde grazas ao programa Tornar as táboas da Deputación de Pontevedra.

O domingo 22 será a quenda de ‘Nina Ninette’, un espectáculo de danza contemporánea de Paula Quintas Cíapara público infantil e familiar enmarcado na estética do Ballet Triádico de Oskar Schlemmer, no que a figura dunha cincenta actual representa unha nena oprimida que loita para transformar a súa realidade, converténdose nunha heroína por méritos propios e sen necesidade de atopar un príncipe.

Nina, valente e alegre a partes iguais, atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos. Pero estraña o seu fogar e decide marchar. A cuestión é que ese mundo é un labirinto no que é moi doado entrar, pero moi complicado saír. O público poderá descubrir se Nina consegue saír airosa desta aventura ás 17.30 h no auditorio de Goián. As entradas, que terán un custe de 5 euros, estarán dispoñibles unha hora antes no despacho de billetes do auditorio.

Logo Deputación de Pontevedra