Tomiño entra na directiva da Rede Cidades que Camiñan

Tomiño entra na directiva da Rede Cidades que Camiñan Esta asociación ten por obxectivo que as e os peóns sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público

O concelleiro de Planificación Estratéxica, Uxío Benítez, participou na décima edición do congreso da entidade abordando a rede peonil tecida en Tomiño

O Concello de Tomiño amosa unha vez máis ser un exemplo de compromiso coa mobilidade peonil. O concelleiro de Planificación Estratéxica, Territorial e Económica, Uxío Benítez, foi elixido en asemblea xeral para formar parte os vindeiros catro anos da Xunta Directiva da Rede Cidades que Camiñan, unha asociación sen ánimo de lucro que ten como principal obxectivo que as e os peóns sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público.

Formar parte da Xunta Directiva é un gran recoñecemento para Tomiño, “que dende hai anos asume un forte compromiso coa mellora do espazo público para camiñar, estar e socializar, abordando proxectos que fomentan esa mobilidade peonil”, explica Benítez. A directiva, presidida polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, incorporou este ano tamén a Pamplona e Valladolid. A rede está conformada por 80 cidades asociadas e tres deputacións que suman case 10 millóns de habitantes.

Uxío Benítez participou ademais como conferenciante na décima edición do congreso da rede Cidades que Camiñan que se celebrou a pasada semana en Valladolid e que baixo o lema ‘A rúa é vida’ aglutinou 15 intervencións temáticas e dous talleres prácticos. Benítez falou da realidade da rede peonil tecida en Tomiño dentro dunha rolda de conferencias titulada ‘Máis alá dos centros urbanos’, na que compartiu espazo co alcalde de Estepona, José María García, ou co Catedrático do Departamento de Análise Económico da Universidade de Sevilla, José Ignacio Castillo.

Tomiño entra na directiva da Rede Cidades que Camiñan

Cidade premiada en 2022

O pasado ano, o Concello de Tomiño foi o gañador do Premio ‘Cidades que Camiñan’ 2022 pola transformación da Praza Antonio Fernández de Goián, un galardón que recoñece aos municipios que promoven accións destacadas en favor da mobilidade peonil. Este premio destacaba a recuperación do espazo público realizado a través do proxecto Máis Goián, unha iniciativa que permitiu transformar de xeito integral o corazón de Goián, recuperando o espazo público, agora colonizado pola veciñanza, que dispón dun espazo novo, libre de coches e totalmente renovado para atoparse, charlar, camiñar ou gozar de diferentes eventos. O proxecto xerou zonas de prioridade peonil, reconectando os accesos, eliminando a circulación, mellorando o mobiliario, xerando espazos de deporte e recuperando parques e arboredas.