Tomiño entrega alimentos e agasallos para non deixar a ninguén atrás este Nadal

Tomiño entrega alimentos e agasallos para non deixar a ninguén atrás este Nadal O Concello investiu máis de 5.500 euros para axudar ás familias tomiñesas nestas datas

O Concello de Tomiño non quere deixar a ninguén atrás este Nadal. Por este motivo, un ano máis, o Goberno municipal fixo entrega de axudas para alimentos e outros bens de primeira necesidades para familias en risco de exclusión social, así como de vales para comprar agasallos para que ningún cativo e cativa quede sen regalo nestas datas.

A través da Concellería de Benestar Social, este ano entregáronse os paquetes de alimentos de Nadal a 26 familias, o que supuxo axudar a un total de 78 usuarios e usuarias. Pola súa banda, déronse bonos para a compra de agasallos de 26 nenos e nenas menores de 12 anos pertencentes a un total de 21 familias.

Este ano o Concello investiu un total de 5.510 euros nestas iniciativas sociais, case un 25% máis que o ano anterior, un incremento centrado maioritariamente no importe destinado ás axudas de alimentos. O Departamento de Benestar Social pon en marcha todos os anos este tipo de accións para que as familias e unidades de convivencia con maior risco de exclusión social poidan pasar un mellor Nadal, en especial aquelas con nenos e nenas.

“Somos moi conscientes dos momentos que estamos a vivir, con novos retos cada día, por iso reforzamos o noso compromiso constante de estar ao carón daquelas familias que máis o precisan para garantir unha vida digna a todos os veciños e veciñas sempre, aínda que especialmente nestas datas tan sinaladas”, explica a alcaldesa, Sandra González.