Tomiño entrega axudas para alimentos e agasallos para non deixar a ninguén atrás este Nadal Investíronse máis de 4.500 euros que beneficiaron a ducias de familias

O Departamento de Benestar Social do Concello de Tomiño levou a cabo varias iniciativas para que ninguén quedase atrás este Nadal, entregando axudas para alimentos e outros bens de primeira necesidade para as familias en risco de exclusión social, así como vales para comprar agasallos con fin de que ningún cativo quedase sen el.

Recibiron un bono para a compra de agasallos 49 nenos e nenas menores de 12 anos, pertencentes a un total de 29 familias. Tamén se repartiu un lote de libros para aqueles menores que superaban os 12 anos, ademais de algún pequeno agasallo. En canto ao reparto de axudas para alimentos, foron beneficiadas un total de 22 familias con 58 usuarios en total.

En total foron investidos nestas iniciativas sociais máis de 4.500 euros, un 30% máis que o ano anterior, unha acción que o departamento desenvolve todos os anos destinado ás familias e unidades de convivencia en risco de exclusión co obxectivo de que poidan pasar un mellor Nadal, en especial aquelas con nenos e nenas, algo de vital importancia nun contexto de emerxencia sanitaria como o actual.