Tomiño entregou máis de 2.600 árbores para encher os montes de vida autóctona

Tomiño entregou máis de 2.600 árbores para encher os montes de vida autóctona O Concello pon en marcha a terceira edición da campaña para repoboar as 900 hectáreas de franxas secundarias

As persoas con parcelas nestas zonas poden solicitar xa as súas frondosas no Departamento de Medio Ambiente

O Concello segue traballando para facer de Tomiño un municipio máis verde e sustentable. Tras a grande acollida de anos anteriores, o Goberno municipal pon en marcha a terceira edición de ‘Enche o teu monte de vida autóctona’, unha campaña a través da que se entregará planta forestal frondosa e autóctona á veciñanza para contribuír a repoboar as 900 hectáreas das franxas secundarias de xestión da biomasa, é dicir, aquelas parcelas que se atopan dentro dos 50 m dende o límite de solo do núcleo ou ata 50 m dende unha casa illada.

“Queremos colaborar para crear un anel verde arredor dos núcleos de poboación tomiñeses que permita non só a mitigar os efectos dun posible incendio forestal, senón que tamén favoreza a diversificación dos usos do monte e axude a paliar os efectos que o cambio climático ten sobre as nosas vilas”, destaca a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

Tomiño entregou máis de 2.600 árbores para encher os montes de vida autóctonaNesta ocasión repartiranse 1.800 árbores que se sumarán aos máis de 2.600 exemplares como cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras e bidueiros entregados durante as dúas primeiras edicións desta campaña.

Como salienta Ana Belén Casaleiro, esta iniciativa permitirá ao Concello “seguir achegando o noso gran de area, non só concienciando á veciñanza da importancia e dos beneficios de plantar especies frondosas autóctonas, senón tamén ofrecendo alternativas e recursos para repoboar estas zonas nas que as e os propietarios tiveron que cortar os exemplares que tiñan plantados”.

As persoas titulares das 13.200 parcelas de franxa secundaria do Concello interesadas en adquirir estas frondosas poderán informarse e solicitar os tíckets das plantas de forma presencial no Departamento de Medio Ambiente de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 h, chamando ao número de teléfono 986 62 20 01 (extensión 6) ou enviando un correo electrónico a tecnica.medioambiente@tomino.gal.

O persoal técnico do departamento entregará os vales para ir recoller as árbores a un lugar acondicionado, logo de comprobar a través de fotografías que a parcela da persoa propietaria está limpa conforme recolle a lei. O número de frondosas entregadas a cada titular dependerá do tamaño da parcela, xa que se entregará unha planta por cada 25 metros cadrados, ata esgotar existencias.

O Concello anima a todas as persoas propietarias a participar nesta campaña que permitirá repoboar os montes tomiñeses con planta autóctona. Dende o Departamento de Medio Ambiente lembran que as novas especies frondosas deben plantarse a máis de 15 metros das vivendas, a 2 metros dos lindeiros e camiños públicos e a 4 metros de estradas de máis de 5 metros de ancho.