Tomiño esixirá á Consellería de sanidade que repoña o médico do consultorio de Goián No último pleno o Grupo Local do BNG presentou unha moción sobre o tema, que foi aprobada por unanimidade

O Concello de Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que, de xeito inmediato, repoña o servizo médico do consultorio de Goián, suspendido por mor da pandemia do coronavirus, sen que se repuxera despois do levantamento do Estado de Alarma.

 

Aclaran os nacionalistas que durante a crise do COVID, “a Xunta decidiu pechar o consultorio de Goián e trasladar o seu servizo ao Centro de Saúde, e ata o día de hoxe non foi reposto o servizo, e a única comunicación realizada ao Concello é que están á espera de cubrir a praza do médico de Goián (o anterior xubilouse) en setembro para retomar o servizo, o que está a xerar certas dúbidas entre a veciñanza”.

No referido á localización do servizo, a moción explica que en 2008 o consultorio mudouse, con autorización do Sergas, á casa reitoral, para o cal foi necesario asinar un contrato co Bispado Tui-Vigo; e aclara que a superficie era maior que a do anterior local e melloraba as condicións para a permanencia do servizo.

Asemade, Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que garanta a substitución en vacacións do persoal médico e administrativo do Centro de Saúde de Tomiño. O goberno local está convencido -tal coma manifesta a moción do BNG- de que os únicos responsables desta situación son o PP e a Xunta, que fan o mesmo cada verán. Esixirá polo mesmo, que o conselleiro de Sanidade reciba aos alcaldes e alcaldesas da comarca, para xuntos analizar a situación actual, trasladando ao mesmo tempo a moción aprobada en pleno por unanimidade, á Consellería de Sanidade, ao SERGAS e ao Parlamento de Galiza.

Por outra banda, para o BNG a falta de persoal carrexa enormes problemas aos usuarios e usuarias, que ven minguado un servizo tan importante coma a atención primaria, “xa que a actual situación supón o incremento do número de pacientes por médico, sobrecargando o servizo e atrasando a concesión das citas para consulta”.

Aclaran na moción que a situación non é algo illado, senón que se repite nos municipios da comarca, polo que con data 9 de outubro do ano pasado, os rexedores solicitaron cita co conselleiro de Sanidade, que aínda non foi concedida.