30 Xuñ Tomiño explora a súa riqueza nunha nova edición das Rutas de Artes e Oficios
As rutas complementaranse cunha xeira ao Monte Tetón e unha noite de observación astronómica
Tomiño é terra de artistas, artesáns, viveiristas… e dunha morea de oficios salientables, algúns innovadores, outros ancestrais. Por este motivo, o Concello abre as portas dunha nova edición das súas Rutas de Artes e Oficios, unha serie de cinco visitas guiadas que permitirán ás persoas asistentes descubrir os segredos e procesos que hai detrás das obras e creacións de destacados artistas e artesáns e artesás tomiñeses.
“A mellor forma de promocionar o nosa riqueza patrimonial e cultural é mergullarse no día a día do traballo dos distintos profesionais que desenvolven a súa actividade cotiá na nosa terra e coñecer dende os talleres nos que se forxa a creatividade ata os fornos onde se cocen os mellores pans e doces ou as adegas onde fermentan os mellores viños”, destaca a alcaldesa, Sandra González.
As rutas, totalmente gratuítas, incluirán visitas comentadas polos propios protagonistas, ofrecendo unha visión única e persoal sobre o seu traballo. Dende a pesca tradicional ata a panadaría artesanal, pasando por talleres artísticos ou bodegas, estas actividades permitirán a todas as pesroas participante entender e apreciar mellor a riqueza de Tomiño.
A primeira ruta será o vindeiro 4 de xullo para coñecer os pescadores do río Miño, mentres que o 18 de xullo a cita será na panadaría Camiño Novo. O 8 de agosto as e os participantes visitarán o taller da artista Pilar Alonso e as rutas rematarán cun encontro nas Adegas Alto Torona o 29 de agosto. Todas estas citas serán ás 20.30 horas e complementaranse cunha noite de observación astronómica o 6 de agosto e unha xeira ao Monte Tetón o 9 de agosto, ambas a partir das 21.00 horas
As actividades están abertas a todos os públicos e teñen un límite de 20 prazas por actividade asignadas por estrita orde de inscrición. As persoas interesadas poden xa inscribirse a través do formulario habilitado na web municipal. A confirmación de asistencia realizarase a través dun correo electrónico no que tamén se indicará o punto de encontro de cada ruta.
A alcaldesa anima a toda a veciñanza a participar nestas rutas, “unha oportunidade excepcional para conectar coa nosa herdanza cultural e ver de preto o traballo que fai de Tomiño un lugar único e especial”.