Tomiño fai máis accesible o tramo municipal da estrada de San Salvador de Tebra As obras, que veñen de arrancar esta semana, dotarán ao vial dunha senda peonil, pavimento novo e arborado ornamental

Veñen de arrancar as obras de reforma e acondicionamento da vía de acceso a San Salvador de Tebra, que conecta a estrada PO-344 coa praza principal da parroquia.

A intervención, orientada á renovación completa do tramo de propiedade municipal, procura darlle coherencia coa urbanización da praza situada nas inmediacións da igrexa e do centro cultural, e empregando materiais similares aos utilizados neste espazo.

A actuación, con deseño do arquitecto Xavier Pousa, facíase necesaria para acondicionar un espazo que levaba acumulando un notable deterioro, especialmente no pavimento das zonas peonís.

O proxecto formula unha modificación na sección da vía, formada até o de agora por dous carrís e beirarrúas bastante estreitas. Por iso estanse a ampliar as zonas de uso peonil, pasando a ter a calzada 5,30 metros de ancho fronte aos 6,90 actuais.

Con esta intervención, adxudicada a Construccións Castro Figueiró S.L, por preto de 100.000 euros e un prazo de execución de 4 meses, o Concello pretende dar resposta á unha demanda veciñal.

As obras realízanse con cargo ao Plan Concellos 2020 e inclúen a construción dunha plataforma única para peóns e tráfico rodado, distinguindo con pavimentos diferentes os itinerarios peonís e os dos vehículos.

Asemade, ampliarase o ancho das beirarrúas de uso peonil (unha de 1 metro de ancho no marxe esquerdo e outra de 2,5 metros, na marxe dereita), para cumprir, nunha delas, coas medidas que se esixen actualmente en materia de accesibilidade.

Ademais, dotarase de pavimentos e arborado novos ao tramo de propiedade municipal para mellorar a súa estética. O alumeado público irá acompañado de árbores de tipo ornamental; toda a vía terá a mesma altura, empregando aglomerado asfáltico para o pavimento rodado e formigón pulido coloreado para as zonas peonís.

“Coa actuación proxectada, conseguirase facer máis accesible e amable o vial para os peóns, mellorándose a imaxe do mesmo para que estea en sintonía coas actuacións realizadas na contorna, e emendando o mal estado de conservación no que se atopaba”, precisa a alcaldesa Sandra González.