Tomiño fala de sexo con humor e sen vergoña con Mamen Jiménez

Tomiño fala de sexo con humor e sen vergoña con Mamen Jiménez La Psicomami pechará a novena edición da Semana da Educación coa súa charla ‘E de onde veñen os bebés?’ o xoves 8 de febreiro

Un día estás creando un bebé e, poucos anos despois, é a propia criatura a que está a preguntar polos detalles do proceso. E cando chega ese momento saltan todas as dúbidas: é demasiado pequeno ou pequena para contarlle segundo que cousas? Lle transmitiremos ideas ou máis información da que precisa? A psicóloga, sexóloga, terapeuta de parella e ilustradora Mamen Jiménez, La Psicomami, estará na IX Semana da Educación de Tomiño para contar con claridade e un toque de humor como acompañar aos máis cativos e cativas da casa no seu desenvolvemento afectivo-sexual con naturalidade, sen vergoña e sen medo cando chegan as preguntas.

O vindeiro xoves 8 de febreiro, Jiménez subirase ao escenario do auditorio de Goián para pechar a novena edición dunhas xornadas de balde postas en marcha polo Concello de Tomiño co obxectivo de informar e formar a persoal educador e docente, pais, nais e familias sobre distintos aspectos relacionados coa educación de nenos, nenas e adolescentes.

O público mergullarase nesta temática coa charla ‘E de onde veñen os bebés? A educación afectivo-sexual na casa, sen medos… e ata con risas!’, na que La Psicomami se dirixirá especialmente a familias con cativada entre 0 e 12 anos para achegalas dun xeito ameno e divertido a un tema que pode ser delicado. Jiménez transmitirá información veraz, científica e dará consellos e ferramentas para abordar na casa o desenvolvemento afectivo-sexual de nenos e nenas sen pasar vergoña, sabendo responder ás súas preguntas para acompañalas e acompañalos do mellor xeito posible.

Para abordar este tema considerado normalmente sensible, a psicóloga recomenda facelo “dende o principio, da mesma forma que os coidamos, queremos e educamos noutras áreas do seu desenvolvemento. E hai que facelo dun modo consciente, a propósito, porque hai que asegurarse de facelo acorde á súa idade e capacidade de entendemento”.

Licenciada en Psicoloxía e cun Máster en Sexoloxía e Terapia de parella, Mamen Jiménez ten a súa consulta en Madrid e imparte charlas e obradoiros por toda España. En 2015 decide a súa experiencias profesional e maternal no blog La Psicomami, no que con ilustracións cargadas de humor e cotiandade fala da maternidade, a paternidade e a parella. Grazas a el recibe o Premio Madresfera ao Mellor Blog de Humor e dende entón a súa popularidade e seguidores e seguidoras non pararon de crecer, tanto no blog como nas redes sociais. Colaborou en numerosos medios de comunicación e é autora de varios libros nos que páxina a páxina ofrece solucións prácticas e consellos a través de ilustracións, con humor e de forma amena, como ‘Amos con ojeras’, ‘Gustirrinín’, ’50 sombras de mami’, ‘Yo te lo explico’ ou ‘Contigo’. Colabora ademais de forma habitual en publicacións de crianza e tendencias, escribindo sobre nenos e nenas e sobre as persoas adultas.