Tomiño formará a 15 auxiliares en atención sociosanitaria a persoas no domicilio Con este curso de 300 horas o Concello busca facilitar o acceso ao mundo laboral a tomiñesas e tomiñeses desempregados

O Concello de Tomiño comezará o ano cun novo curso gratuíto a través do que tomiñeses e tomiñesas poderán formarse como auxiliares de atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Como salientou a alcaldesa, Sandra González, “dende o Concello continuamos apostando por organizar accións deste tipo porque ademais de ofrecer especializada damos resposta á demanda actual que hai en diferentes sectores do mercado laboral”.

Organizado dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade en colaboración coa empresa IDADES, especializada na prestación de servizos de atención socio-sanitaria, o curso terá unha duración de 300 horas, 150 teóricas e 150 prácticas e realizarase de febreiro a abril na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián. A parte teórica será do 6 de febreiro ao 31 de marzo de luns a venres de 09.30 a 14.00 horas, mentres que as prácticas non remuneradas serán do 3 ao 31 de abril.

O curso está dirixido a persoas desempregadas empadroadas en Tomiño e con carné de conducir que estean interesadas en formarse para poder traballar no sector da atención sociosanitaria en domicilios. Ao remate da formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo que, ademais de facilitar o acceso ao mundo laboral neste sector, servirá para abrirlles a vía de acceso ao proceso de obtención de Acreditación das competencias profesionais organizado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición comezará o vindeiro 16 de xaneiro ás 08.00 horas e permanecerá aberto ata o 20 de xaneiro. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través da web do Concello de Tomiño e enviar o seu currículo a través de correo electrónico a ana.sanchez@tomino.gal indicando o nome do curso ‘SSCS0108 – Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio’.