Tomiño formará en informática ás familias para mellorar o apoio educativo dos máis cativos O confinamento agudizou as diferenzas sociais derivadas da fenda dixital

A experiencia do confinamento derivada da situación pandémica actual serviu para evidenciar as múltiples carencias e dificultades existentes en moitos fogares para acceder á educación pola vía telemática, acentuando as desigualdades sociais entre o alumnado.

Ante esta situación, o Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) decidiu impulsar un programa de formación en habilidades informáticas básicas que irá destinado ás familias, co obxectivo de garantir unhas aptitudes axeitadas para o apoio educativo dos nenos, nenas e adolescentes no fogar.

O programa estará orientado a formar ás familias no manexo axeitado dos recursos informáticos necesarios para apoiar aos máis novos e novas no ensino a distancia. Entre os contidos da formación atópase a instrución no manexo de entornos virtuais de aprendizaxe (Aulas Virtuais, Abalar, E-Dixgal…), o uso do correo electrónico, a organización e xestión de documentos ou a creación e o emprego da Ch@ve365 e o DNI electrónico para tramitar solicitudes de bolsas e outras xestións.

A formación levarase a cabo na Aula CemiT, situada no campo da feira, e impartirase de forma personalizada a calquera persoa que poida estar interesada nalgún dos contidos ofrecidos. Os centros de ensino tamén poderán derivar a este servizo a todas aquelas familias nas que se detecte a existencia de atrancos no seguimento das actividades.

As solicitudes poderán facerse de xeito presencial na propia aula CemiT ou chamando ao 986 62 33 04. Os horarios de atención da aula son de luns a venres de 9:15 a 13:45 en horario de mañá e de martes a venres de 18:30 a 20:30 en horario de tarde.

Medrando en Familia

Outro dos programas con enorme éxito organizados polo SEAF é o ‘Medrando en Familia’, un programa centrado na atención das necesidades do núcleo familiar asentado no modelo ecolóxico e nas idades temperás, vencellado á crianza dos máis pequenos. O programa comezou a implementarse no ano 2018 e consolidouse no 2019, enfocándose na poboación conformada por nenos e nenas de 0 a 3 anos con propostas de apoio á crianza como encontros, teatro, obradoiros sobre primeiros auxilios e ferramentas de apoio para o coidado. Polo programa pasaron máis de 60 familias, unha actividade que ademais precisou reforzarse debido á pandemia do Covid-19, pasando a realizarse a través de medios dixitais e novas formas de comunicación, onde se deu resposta a máis de 25 familias. Nos últimos días este programa iniciou novamente a súa xeira, contando coa participación de 27 familias.

Tamén está iniciándose en ‘Medrando en Familia’ un novo recurso de acompañamento prenatal co fin de apoiar ás familias na transición que supón a chegada dun novo membro, asesorándoos e apoiándoos sobre o cambio de rutinas e as novas necesidades que xorden para un coidado en positivo e que asegure unha mellor crianza da cativada. Estas actividades están sendo cofinanciadas pola Deputación de Pontevedra ao abeiro das axudas extraordinarias dirixidas aos concellos de menos de 50.000 habitantes para a prestación de actividades de apoio ás familias para facerlle fronte ao impacto do Covid-19 durante o ano 2020.