Tomiño fusiona deporte e valores no seu I Torneo Solidario de Nadal O Concello organiza o 23 de decembro unha tarde de deporte e solidariedade no Campo de Fútbol O Alivio na que se recadarán alimentos para SOS Tomiño

Tomiño fusiona deporte e valores no seu I Torneo Solidario de NadalTomiño seguirá a celebrar as festas pensando nas persoas máis desfavorecidas cunha xornada de deporte e solidariedade. O Concello organiza o vindeiro 23 de decembro o I Torneo Solidario de Nadal, unha iniciativa que busca unir á veciñanza arredor do deporte e de valores como a solidariedade, promovendo o espírito de colaboración e apoio mutuo.

Como salienta o concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García, “o deporte está vinculado a valores fundamentais como o compañeirismo, a disciplina, o esforzo… e é un ámbito ideal para realizar este tipo de iniciativas solidarias, xa que non só promove a actividade física, senón que tamén fortalece os lazos colaborativos. Este torneo é unha mostra máis de que dende o Concello pensamos en todos os tomiñeses e tomiñesas”.

O torneo celebrarase no Campo de Fútbol O Alivio e contará coa participación dos equipos locais do Tebra FC, Tomiño FC e Goián CF que se enfrontarán en tres encontros diferentes que comezarán ás 16.00 horas. O torneo conta ademais coa colaboración de ADETO e de SOS Tomiño e co respaldo da Real Federación Galega de Fútbol e da Federación Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol. “Agradecemos sinceramente a colaboración de todas estas entidades, un apoio que amosa o seu compromiso coas iniciativas solidarias. Estamos convencidas e convencidos de que o torneo será un éxito grazas á súa implicación”, destacou o concelleiro.

O Concello convida a participar neste torneo solidario a todos os tomiñeses e tomiñesas, que deberán levar un quilo de alimentos para poder gozar dos encontros deportivos. As doazóns serán entregadas integramente a SOS Tomiño. Por cada entrega, o público recibirá unha participación para o sorteo de dous vales de compra no comercio local de Tomiño doados por ADETO. Ademais, todo o recadado durante o torneo na cantina do campo de fútbol será tamén doado.