Tomiño gaba o gran traballo do piloto de karts Guillermo Carrera

Tomiño gaba o gran traballo do piloto de karts Guillermo Carrera O tomiñés, competidor profesional dende hai dous anos e subcampión galego, foi o vencedor do Campionato de Castela e León na categoría KZ2

A alcaldesa, Sandra González, e o concelleiro de Deportes, Fran Campo, recibiron estes días no Concello a Guillermo Carrera, un tomiñés de adopción que está a acadar importantes logros nun deporte tan visual e competitivo como o karting. “Estamos moi orgullosos e orgullosas da canteira que temos nos deportes máis diversos, tamén daqueles como o kart, unha modalidade moi esixente dende un punto de vista técnico e de formación, pero tamén humano. A implicación de Guillermo e da súa familia coa súa carreira deportiva é un exemplo, sen dúbida”, salienta a rexedora.

Subcampión galego na edición do ano pasado, este 2022 ao non haber grupo da categoría KZ2 para competir, Carrera decidiu probar a súa destreza como piloto no Campionato de Castela e León, onde resultou claro vencedor da súa categoría. Uns resultados que amosan o gran nivel e esforzo deste deportista tomiñés de 41 anos que ata hai apenas dous anos non competía e soamente se subía enriba dun kart como afeccionado.

Dende o Concello damos a Guillermo os nosos parabéns máis sinceros e desexámoslle moita sorte nas futuras aventuras tras o volante dun kart. “É unha honra contar con deportistas deste nivel que levan o nome de Tomiño alá onde van competir e ver o respaldo de familia e amizade para que poidan acadar os seus soños”, transmitiulle a alcaldesa durante o encontro.