Tomiño ilumínase de rosa para visibilizar o cancro de mama Cada ano son diagnosticados uns 4.500 casos en Galicia

Con motivo da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama o día 19 de outubro, a Asociación de Diagnosticad@s de Cáncer de Mama (ADICAM) decidiu reinventarse para poder seguir visibilizando a doenza atendendo ao cumprimento das normas derivadas da COVID-19, polo que este ano decidiu convocar ás institucións públicas para iluminar algunha estrutura arquitectónica de cor rosa.

O Concello de Tomiño decidiu sumarse a esta iniciativa iluminando a fachada da sede municipal, contribuíndo así a visibilizar unha doenza que cada ano diagnostica máis de 30.000 novos casos no conxunto do Estado, uns 4.500 deles en Galicia. Á iniciativa sumáronse tamén concellos como Pontevedra, Baiona, Vigo, Cangas, Moaña, Bueu e Vilagarcía de Arousa.

Anualmente ADICAM celebra numerosas actividades durante o mes de outubro, labor que se viu dificultado este ano debido á pandemia. Non obstante, a organización traballa nunha ampla programación atendendo a todas as medidas de seguridade precisas.