21 Set Tomiño ilumínase de verde para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer O municipio súmase á iniciativa de AFAGA para visibilizar unha doenza que padecen arredor de 70.000 galegos e galegas
O Concello de Tomiño quixo sumarse á iniciativa de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia) para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer este 21 de setembro, iluminando a fachada do consistorio municipal de verde para contribuír a visibilizar esta doenza.
Arredor de 70.000 galegos e galegas padecen de Alzheimer, a doenza mental máis estendida entre as persoas maiores, con previsións de que esta cifra continúe aumentando nos vindeiros anos. En paralelo a esta realidade, a pandemia do Covid-19 supuxo un agravamento nas condicións de vida de moitas das persoas que a padecen e nas súas familias, minguando tanto a súa calidade de vida como a da atención e os coidados recibidos.
Desde o Concello de Tomiño queren mostrar todo o seu apoio ás persoas que padecen Alzheimer e outro tipo de doenzas dexenerativas e ás súas familias. Do mesmo xeito, desde a institución queren agradecer o labor de asociacións como AFAGA e de todos os coidadores e coidadoras que día a día traballan tanto no coidado e a atención destas doenzas como na súa visibilización.