17 Set Tomiño formará auxiliares en atención socio-sanitaria para ampliar o Servizo de Axuda no Fogar A empresa Idades será a encargada da formación teórico-práctica, comprometéndose a contratar polo menos, o 40% dos participantes
O Concello organiza en colaboración coa empresa Idades S.L. un curso teórico- práctico de auxiliar socio-sanitario, comprometéndose esta última a contratar polo menos, o 40% dos participantes
. A acción formativa, de 140h de duración, realizarase durante os meses de outubro e novembro, e estará dirixida tanto a persoas desempregadas, como a traballadoras en activo e familiares de dependentes
Tomiño ten na actualidade 34 auxiliares de axuda no fogar que atenden unha media de 100 persoas maiores, dependentes ou enfermas, distribuídas por todo o termo municipal. Ante a previsión de que a Xunta de Galicia aumente 900 horas máis para usuarios/as con dependencia, co que a demanda de man de obra, será moito maior, o Concello de Tomiño organiza un curso gratuíto para formarse coma auxiliar socio-sanitaria/o, e poder ampliar logo o Servizo de Axuda no Fogar.
Trátase dunha acción formativa, de balde e cun compromiso de contratación de polo menos o 40% dos participantes, denominado “O servizo de axuda no fogar e a excelencia profesional”, e organizado en colaboración coa empresa “Idades S.L.”, especializada na prestación de servizos de atención socio-sanitaria.
O curso, dunha duración de 140h, foi presentado o pasado venres no Concello de Tomiño, coa presenza da alcaldesa, Sandra González; a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez e dous representantes da empresa Idades, Esteban Feteira (responsable principal) e Paula Morais (coordinadora).
A alcaldesa de Tomiño salientou a disposición do Concello a continuar organizando accións formativas deste tipo, xa que ao mesmo tempo que ofrecen unha formación especializada, dan resposta á demanda actual en diferentes sectores do mercado laboral.
O curso realizarase en Tomiño durante os meses de outubro e novembro deste ano, e estará dirixido tanto a persoas desempregadas, como a traballadoras en activo; familiares de dependentes ou persoas interesadas en formarse para poder traballar logo no sector da atención socio-sanitaria.
Paula Morais indicou que das 140 horas totais, 100 adicaranse á realización de prácticas, acompañando a un traballador/a con experiencia. As clases teórico-prácticas estarán a cargo dunha traballadora social e docente experta en atención socio-sanitaria.
As persoas interesadas deberán estar en posesión do Título de Graduado Escolar e o número de prazas dispoñibles é de 15.
O prazo de inscrición estará aberto desde o día 17 ao 21 de setembro. As persoas interesadas deberán enviar o seu currículum ao seguinte enderezo electrónico: ana.sanchez@concellotomino.gal , indicando no asunto CURSO DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA.
- Duración: 140h (40h teóricas, 100 prácticas)
- Datas: Parte teórica: do 8 ao 29 de outubro 2018 os luns, mércores e venres de 16:30h a 20:30h. Prácticas (non remuneradas): do 5 ao 30 de novembro de 2018
- Centro: Escola Obradoiro O Regatiño, Goián (Tomiño).