Inauguración Casa da Cultura de Tomiño

Tomiño inaugurou as obras realizadas na Casa da Cultura cun emotivo acto, no que participaron catro grupos de música do municipio

As obras consistiron nunha reforma orientada a mellorar as condicións de habitabilidade e acústica do edificio, que a partir de agora conta cun potente sistema de climatización

As obras de reforma e rehabilitación da Casa da Cultura de Tomiño, realizadas co fin de corrixir as deficiencias térmicas e doutra índole que presentaba o edificio, foron inauguradas hoxe de forma oficial.

Presidiron o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, e a concelleira de Cultura e Deporte, Cristina Martínez, acompañadas doutros membros do goberno e da corporación municipal.

Actuaron os grupos Virxe do Alivio, Treboada Baixo Miño, Coro Infantil e Coral Polifónica de Tomiño.

O acto de inauguración comezou cun pasarrúas (“O Sacristán”) interpretado pola Treboada Baixo Miño dende o antigo Centro de Saúde cara á Casa da Cultura. O grupo de baile rexional Virxe do Alivio comezou tamén a súa actuación na rúa, entrando logo no edificio. A continuación actuou o Coro Infantil, formado por 21 nenos e dirixido por David Gonzalez Sobrino, O coro interpretou dúas cancións: ”Caresse sur I’ocean” (Los chicos del coro) e “Compañeira” (de Julio Dominguez).

Por último, actuou a Coral Polifónica, que ofreceu “Fisterra” (popular) e “Velaívai”, de Antón Riveiro.

Reforma do edificio

Os traballos consistiron nunha reforma orientada a mellorar as condicións de habitabilidade en xeral. Corrixíronse as deficiencias térmicas e instalouse un potente sistema de climatización que permite un quecemento máis rápido do recinto en inverno, e o proceso oposto en verán.

Ademais, cambiouse a carpintaría exterior, con dobre acristalamento e reparouse a fontanaría dos aseos, renovándose tamén a instalación eléctrica e dotando ao inmoble dun novo equipo de son e proxección de audiovisuais.

As reformas alcanzaron tamén ao escenario, que foi remodelado e ampliado, e os accesos ao mesmo desde os vestiarios e desde o exterior. Así, un novo acceso desde a parte traseira do edificio, comunica agora directamente co escenario e cos vestiarios do semisótano.

Así mesmo, procedeuse á limpeza da pedra da fachada, á urbanización da parcela exterior do edificio e ao acondicionamento do tellado.

O inmoble, que data dos anos sesenta, ten unha superficie de 766 metros cadrados e dispón de planta baixa, con sala principal e escenario, e outra alta con anfiteatro. Situado na Avenida República Arxentina, acolle actos culturais de diversa índole, así coma outros eventos de caracter social, veciñal, educativo, etc.

As obras foron executadas con cargo ao Plan de Investimentos da Deputación Provincial, organismo que adxudicou a Proxectos Abilleiras a execución da reforma, cun orzamento de 156.191,73 euros.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, lembrou o compromiso do goberno local de apostar pola cultura e a educación, consideradas piares fundamentais da sociedade actual e do futuro. “Con esta reforma, á que se suma a do Auditorio de Goián (en obras na actualidade), poderemos acoller en condicións óptimas, actos, actuacións e actividades organizadas polo propio Concello ou asociacións e entidades de interese social, co conseguinte beneficio para a cidadanía de todo o municipio”, explicou a rexedora.

 

Inauguración Casa da Cultura de TomiñoInauguración Casa da Cultura de TomiñoInauguración Casa da Cultura de TomiñoInauguración Casa da Cultura de TomiñoInauguración Casa da Cultura de TomiñoInauguración Casa da Cultura de TomiñoInauguración Casa da Cultura de Tomiño

[justified_image_grid]