Tomiño investe 205.000 euros na mellora do campo de fútbol do Regatiño Instalarase un céspede artificial de nova xeración que ofrece unha maior resistencia ao desgaste e reduce custes de mantemento

Tamén colocarase unha capa amortiguadora de caucho, que reducirá o impacto e dará unha vida útil máis longa á herba artificial

 

O Concello de Tomiño levará a cabo obras de mellora no Campo de Fútbol O Regatiño, de Goián, por valor de 205.000 euros.

O investimento foi aprobado no último pleno ordinario, celebrado o 23 de xullo, coma unha das partidas principais do Expediente de modificación de créditos Nº 05/20.

A Concellaría de Deportes, que dirixe Fran Campo, planea a reforma do campo co fin de dotar á poboación dun espazo de xogo con condicións idóneas para a práctica do fútbol e ademais, que posibilite o emprego intensivo da cancha e cun fácil mantemento. O concelleiro estivo en contacto coa directiva do club dende hai tempo co fin de que as obras respondesen ás necesidades do colectivo.

O campo do Regatiño, localizado na Avenida Brasil esquina Avenida Pío Troncoso na parroquia de Goián, ten unha superficie de 9.600 m² dotada de céspede artificial, que na actualidade presenta un importante deterioro, coa existencia de amplas zonas nas que a fibra ten unha lonxitude mínima ou se atopa totalmente esmagada.

Esta situación produce un deficiente uso da instalación, xa que se produce un bote irregular da pelota, e afecta a evolución dos xogadores, modificando as condicións de agarre ao terreo do calzado deportivo, o que pode provocarlles lesións musculares e articulares.

Por outra parte, nas gradas existen dúas fileiras de bancos plásticos para uso dos afeccionados, nas que é necesario repoñer ou substituír algúns elementos.

A finalidade dos traballos é mellorar o equipamento deportivo municipal coa instalación dun céspede artificial de nova xeración, acorde coa evolución técnica deste tipo de produtos deportivos, que ofrecen unha maior resistencia ao desgaste e reducen custes de mantemento.

Asemade, colocarase unha capa amortiguadora de caucho, o que reducirá o impacto dos xogadores e xogadoras ao caer ao solo, e fará que a herba artificial teña unha vida útil máis longa.

Por outra banda, procederase á reposición dos bancos ausentes e a substitución dos que se atopan deteriorados, o que repercutirá na comodidade dos afeccionados.