02 Nov Tomiño investirá máis de medio millón de euros para iniciar a segunda fase do PLAN REVITALIZA A Concellería de Medio Ambiente estuda a ampliación de composteiros comunitarios e individuais para lograr optimizar a redución dos residuos orgánicos
O Concello de Tomiño vén de conseguir unha subvención para o cambio de sistema de recollida e tratamento de residuos, outorgada pola Deputación de Pontevedra para a consolidación do Plan Revitaliza neste concello. Con esta subvención Tomiño entra na denominada fase 2 deste Plan, que se centrará na compostaxe individual e comunitaria.
O orzamento para este proxecto é de 528.104,50 €, e, en xunta de goberno, do 2 de agosto de 2019, da Deputación provincial acordouse conceder ó Concello de Tomiño o 86,35%. Por tanto, a deputación achega 456.018,24€ e o concello 72.086,23 €.
Esta axuda vén precedida pola exitosa implementación da fase 1, levada a cabo no pasado mandato, e que consistiu na instalación de dous puntos de compostaxe comunitaria; un no Seixo e outro en Goián, os núcleos urbanos máis poboados da vila; na dotación aos centros de ensino de composteiros individuais; e na realización de actividades divulgativas para incidir na importancia que ten para o noso medio ambiente que fagamos unha correcta separación dos residuos, recuperando os restos orgánicos en compost e facilitando a separación en orixe de todos os outros materiais, para o seu reciclado.
Isto por outro lado é preceptivo pola actual Directiva de Residuos, a Directiva 2008/98/CE, que obriga á recollida separada dos restos orgánicos ou a compostaxe individual ou comunitaria dos mesmos, a máis tardar o 31 de decembro do 2023. A transposición á lexislación estatal, que está en fase de borrador, adianta este prazo ao 31 de decembro de 2020 para os concellos de máis de 5000 habitantes.
Paralelamente, dende o concello foise inscribindo á veciñanza que o solicitou, como compostadores individuais e comunitarios. Actualmente figuran 283 persoas inscritas na compostexe individual e 161 na comunitaria.
O obxectivo desta subvención é dotar ao conxunto das vivendas do municipio de composteiros individuais, e no caso daqueles que viven en pisos, e por tanto non teñen onde por un composteiro indvidual, darlles servizo mediante composteiros comunitarios.
Procurase facelo da forma máis eficiente, evitando o trasporte a longas distancias dos residuos e transformándoos nun recurso como é o compost. Para isto tamén se levarán a cabo acccións de formación e seguimento das pautas para converter os residuos orgánicos en compost de calidade.
Outro servizo que se está a valorar é a creación de puntos verdes, onde a veciñanza deixaría restos de podas, que posteriormente sería triturado in situ deixando o triturado a disposición da veciñanza para poderen usalo nos seus composteiros.
Aparte disto, tamén se estuda un servizo de préstamo de pequenas trituradoras, para poder usalas durante un período determinado nos seus terreos e aforrar o traslado ó punto verde.