A alcaldesa agradece ao equipo de limpadoras e traballadores municipais o esforzo para ter todo a punto para o regreso ás aulas o martes 12

Tomiño investiu máis de 100.000 euros nas melloras e mantemento dos centros escolares para o inicio de curso A alcaldesa agradece ao equipo de limpadoras e traballadores municipais o esforzo para ter todo a punto para o regreso ás aulas o martes 12

O alumnado de Tomiño regresa ás aulas a vindeira semana con instalacións renovadas. O Concello investiu máis de 100.000 euros na mellora, reforma e mantemento dos centros educativos de Infantil e Primaria do municipio, unhas obras que se realizaron na súa maior parte no verán para non interromper a actividade lectiva pero que tamén se abordaron no primeiro semestre do ano para resolver á maior brevidade diferentes problemáticas que xurdiron ao longo do curso pasado.

Con estas obras o Concello busca, como explica a alcaldesa, Sandra González, “dar resposta ás necesidades detectadas nos diferentes colexios e que foron trasladadas dende as direccións. Pero tamén buscan seguir camiñando cara uns centros escolares máis sostibles enerxeticamente, totalmente equipados, modernos e o máis confortables posible para alumnado e equipo docente”.

Co inicio de curso á volta da esquina, a rexedora tamén quixo agradecer o grande esforzo que fixo ao longo destes días o equipo de limpadoras preparando todos os centros para o inicio das clases. “O seu traballo preparando cada recuncho é fundamental para brindar unha contorna segura e acolledora ao noso alumnado. O noso compromiso co ensino e coa comunidade educativa é firme e o traballo que desempeñan tanto elas como o equipo de operarios e operarias municipais é fundamental”, resaltou.

Este ano un dos traballos de maior relevancia foi o realizado no CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, no que se investiron case 43.000 euros para realizar diferentes melloras como o pintado exterior do centro, así como o ximnasio e a Secretaría. As obras completáronse co cambio do peche exterior por malla electrosoldada nas pistas deportivas, coa mellora da sala de caldeiras e da zona de agarda do transporte escolar, a reparación de portais e bolardos, o cableado de Secretaría e radio ou a instalación de electrodomésticos na cociña.

Importante mellora tamén a realizada na escola unitaria de Carregal do CRA Mestre Manuel Garcés na que se levou a cabo a reforma integral, mellora na cuberta e cambio do falso teito e do chan do centro, así como o pintado da aula.

O Concello procedeu á limpeza e hidrofugado na cuberta e fachada da escola de Taborda, así como os arranxos nas cuberta de Amorín, Figueiró, Forcadela, Estás e Barro. Ademais, cambiáronse os radiadores no Seixo e Vilachán e realizáronse diferentes melloras e correccións na instalación eléctrica para que estivera a punto.

En total foron case 48.000 euros investidos para rehabilitar estas escolas antigas, moitas delas con problemas de filtracións, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética de todos os centros, buscando non só unha diminución na pegada de carbono e un aforro económico, senón tamén un maior confort nas aulas.

A todos estes traballos hai que sumar outros como a mellora da accesibilidade na entrada do CEIP de Sobrada, todas as melloras realizadas en cociña e comedor no CEIP de Barrantes ou os máis de 15.000 euros investido nas melloras das escolas infantís de Goián e Tomiño, mellorando a tarima do patio exterior e do sumidoiro do xardín central na de Goián e reformando o baño de bebés na de Tomiño.

Como ven sendo habitual, o Concello procedeu a revisar a instalación de fontanería e electricidade, a limpar canlóns e cubertas, realizar tarefas de desratización e posta a punto patios, hortas ou areeiros de todos os centros educativos de Tomiño.