15 Mar Tomiño inviste 90.000 euros para fomentar actividades sociais, culturais e deportivas de entidades sen ánimo de lucro O Concello ven de abrir o prazo de solicitude das subvencións municipais, que buscan fortalecer o tecido asociativo tomiñés
Tomiño continúa apoiando ao tecido asociativo para a dinamización do municipio. O Concello vén de abrir o prazo para solicitar as subvencións municipais dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que desenvolverán ao longo deste ano 2024 actividades sociais, culturais e deportivas, así como a deportistas individuais.
O Goberno municipal investirá en total 90.000 euros nestas tres convocatorias que supoñen, como sinala a alcaldesa, Sandra González, “manter o noso compromiso e apoio a todas as entidades, clubs e deportistas tomiñeses, colaborando con todas e todos eles a sufragar os gastos do seu programa de actividades, mantendo unha ampla oferta para a veciñanza, fomentando o benestar social de tomiñeses e tomiñesas e promocionando a cultura e o deporte”.
Deste xeito, o Concello destinará 45.000 euros a entidades deportivas sen ánimo de lucro que participen en competicións organizadas polas federacións e a deportistas individuais de Tomiño con recoñecemento a nivel galego, estatal e internacional. O obxectivo é “fomentar a práctica deportiva, a participación en competicións oficiais e o desenvolvemento de diferentes actividades ao longo do ano”.
Esta axuda contempla a cobertura de gastos federativos, arbitraxes, transporte e aloxamento para asistir a competicións deportivas, mutualidades e seguros, material deportivo ou mesmo de equipamento deportivo.
Por outro lado, investiranse 30.000 euros en axudas municipais a entidades sen ánimo de lucro para a realización de distintas actividades culturais durante o 2024, contribuíndo á posta en marcha de proxectos e actividades, prestando especial atención a todas aquelas que promovan ou recupere a cultura e tradicións locais, promocionen produtos agrícolas e gastronómicos da zona ou recuperen espazos naturais ou de lecer.
O Goberno municipal destinará 15.000 euros a entidades sen ánimo de lucro que realice actividades sociais ao longo do ano, promovendo así o benestar da veciñanza a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social ou participación cidadá dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais. Con esta subvención o Concello financiará os gastos de proxectos de atención á discapacidade e a menores, de apoio á dinámica familiar, de voluntariado social, de atención á toxicomanía, de prevención da violencia intrafamiliar, de promoción da igualdade de oportunidades, de atención á inmigración e minorías étnicas ou de especial interese social.
As entidades e persoas interesadas poderán consultara as bases para optar a estas axudas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), no que foron publicadas este luns 11 de marzo. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes natural a partir do día seguinte á data de publicación.