Tomiño inviste máis de 80.000 euros en mellorar os centros de ensino durante o verán Revisións eléctricas, de fontanería, persianas e mantemento interior, de patios e parques, son as accións máis habituais asumidas polo goberno local

Como cada ano, o Concello de Tomiño leva a cabo durante o verán, numerosas obras de mellora e mantemento dos centros escolares de Infantil e Primaria do municipio, destinando partidas económicas cada vez máis importantes para este fin.

Así, para as reparacións deste verán destináronse 80.000 euros, fronte aos 60.000 do ano anterior (un 33% máis). As obras foron coordinadas de maneira conxunta pola Concellaría de Educación e de Obras, que presiden Cristina Martínez e Alexandre Pérez, respectivamente, e responden a actuacións solicitadas e consensuadas previamente coa dirección dos centros escolares.

“Estas melloras teñen como obxectivo colaborar nunha progresiva modernización das instalacións a un maior benestar do alumnado, contratando para levalas a cabo a empresas da zona e utilizando tamén persoal municipal”, explica Martínez.

En todos os centros levouse a cabo revisión eléctrica, de fontanería, persianas e control de pragas.

Ademais, nas dúas escolas infantís (Seixo e Goián) leváronse a cabo actuacións como a construción dunha pérgola exterior, a colocación de toldos; plantación exterior de árbores, etc.

Os traballos nas 13 escolas unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés, consistiron en pintura interior; arranxo de patios, ventás e portas; dotación de mobiliario, reposicións de chans, e revisión dos sistema eléctrico para pasar a Inspección de Baixa Tensión en todas as aulas.

Nos cinco centros de Primaria as obras consistiron en traballos de pintura, cambio de chans, illamento acústico, colocación de vídeo porteiro, mobles; dotación de portais eléctricos, reposición dun depósito de gasoil; cambio de pantallas led, construción dunha pérgola interior e plantación de árbores nunha pista deportiva.