16 Mar Tomiño levará a cabo unha auditoría do alumeado público co fin de optimizar as instalacións e o consumo municipal Os traballos, que estarán dirixidos por un enxeñeiro industrial, conterán propostas de actuación, incluíndo o cambio a Led dos puntos de luz con outras tecnoloxías menos eficientes
A Concellería de Servizos Públicos que dirixe Lois Vázquez, vai emprender en breve unha Auditoría do Alumeado Público de Tomiño, tanto de subministro pública, coma das instalacións utilizadas no Concello.
Os traballos levarán uns cinco meses para a súa realización, e comprenderán a inspección in situ de todas as instalacións de iluminación do municipio, así coma tamén a introdución en base de datos e sistema GIS de todos os datos do inventario de iluminación pública.
A auditoría, que vén a actualizar a que se fixo hai xa varios anos, incluirá tamén a análise do cumprimento de normativas das instalacións actuais e análise funcional das mesmas; así coma estudos luminotécnicos de todas as vías do municipio.
Os traballos, que estarán dirixidos por un enxeñeiro industrial especializado en temas de iluminación, conterán tamén unha clasificación enerxética das vías públicas; a elaboración de planos das instalacións, e de propostas de actuación, incluíndo o cambio a Led dos puntos de luz con outras tecnoloxías menos eficientes.
O concelleiro responsable de Servizos Públicos, comenta que a última auditoría realizada en temas de iluminación municipal está xa obsoleta, sendo necesario detectar problemas de consumo actuais, logrando aforrar gastos e facendo máis eficiente o sistema. “Con este estudo tentamos optimizar toda a rede de subministro eléctrico do concello, e implementar melloras no subministro, coa inclusión de novas tecnoloxías, utilización de luces Led, etc.”, explica Lois Vázquez.