Tomiño mellora 28 camiños rurais por importe de 327.000 euros As obras, consistentes na reposición do firme, son executadas pola empresa COVSA con cargo ao Plan Concellos 2018

O Concello de Tomiño está a levar a cabo obras, dentro do Plan Municipal de Mellora de Asfaltados, en 28 camiños rurais de case todo o termo municipal, por un importe de 327.000 euros procedentes do Plan Concellos 2018, subvencionado pola Deputación de Pontevedra.

A intervención comezou a principios de febreiro e consiste, fundamentalmente, en repoñer e mellorar a capa de rodadura dos camiños (5.435 metros lineais), colocar en cota as tapas dos sumidoiros e ampliar a rede de recollida de augas pluviais con novas canalizacións, segundo as necesidades de cada lugar.

Segundo explica o concelleiro de Vías e Obras, Francisco Campo Lago, a maior parte das obras de arranxo da base de rodaxe dos camiños, vén motivada polo deterioro e polas malas condicións nas que quedaron algunhas vías tras as obras de abastecemento de augas, saneamento, recollida de augas pluviais, creación de sendas peonís, etc., que foron realizadas anteriormente en zonas coma, por exemplo, o barrio da Rocha. “Sabemos que aínda queda moito traballo por facer, pero dámoslle prioridade as reparacións nestes camiños porque son os definitivos, nos que polo momento non se farán máis obras”, asegura o edil.

Todas estas obras teñen como finalidade mellorar as condicións de mobilidade, accesibilidade e circulación nas distintas rúas e camiños de Tomiño, co conseguinte incremento da seguridade viaria para peóns e automóbiles.