29 Xan Tomiño oferta un novo curso de monitor de lecer e tempo libre A OMIX abre o prazo de inscrición para participar neste curso formativo e no obradoiro de francés nivel básico
Tomiño continúa a dar forma a unha programación pensada para formar á mocidade naqueles temas que espertan maior interese entre eles e elas. Por este motivo, o Concello vén de abrir a inscrición para participar en dous novos cursos da OMIX: de monitor ou monitora de lecer e tempo libre de francés básico en liña. “Con este tipo de actividades achegamos á mocidade unha programación actual, na que se tratan temáticas non só moi demandadas por elas e eles mesmos, senón que tamén lles poden brindar oportunidades persoais e profesionais no futuro”, salienta a alcaldesa, Sandra González.
Aquelas persoas con 18 anos cumpridos e que teñan como mínimo o graduado escolar, o título da ESO ou equivalente poderán acceder a un novo curso de monitor ou monitora de lecer e tempo libre. Será unha formación de 200 horas de duración nunha primeira fase teórico-práctica e outras 150 horas de prácticas tras as que o alumnado participante acadará o título oficial, expedido pola Xunta de Galicia. O Concello abre a posibilidade de facer as prácticas do curso durante o mes de xullo no campamento urbano que organiza cada verán.
Este curso comezará o vindeiro 2 de marzo e impartirase na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián sábados e domingos de 09.00 a 14.00 e de 15.00 a 20.00 horas ata o 14 de abril. Durante a fin de semana de Semana Santa non haberá clases programadas. A formación terá un custe de 200 euros se se cobren todas as prazas. As persoas interesadas poden xa inscribirse na web municipal.
Por outra banda, a inmersión lingüística é a mellor forma de aprender outra lingua, que axuda a quen a estuda a ampliar as súas habilidades comunicativas e mergullarse noutras culturas. Para facilitar o acceso á formación noutros idiomas, a OMIX xa ten aberta a inscrición para participar no curso básico de francés A1 en liña. Impartido por Sabine, unha profesora nativa licenciada en Filoloxía e con moita experiencia ás súas costas, o curso empregará unha metodoloxía activa e participativa para aprender a falar inglés dun xeito ameno e divertido.
O curso impartirase do 15 de febreiro ao 25 de abril todos os xoves de 20.00 a 22.00 horas de forma remota, non presencial. Terá 20 horas de duración e un custe de 10 euros por persoa participante.