Tomiño organiza con motivo do Día da Muller obradoiros de igualdade de xénero en todos os centros de educación infantil Baixo o lema " Sementes de Igualdade" os talleres desenvolveranse os meses de marzo e abril

Para conmemorar o Día da Muller (8 de marzo), a Concellería de Cultura, Benestar e Igualdade de Tomiño organiza, co apoio da Deputación de Pontevedra, unha serie de obradoiros de Igualdade de xénero dirixidos ao alumnado de Educación Infantil.

Baixo o lema ” Sementes de Igualdade” os obradoiros desenvolveranse entre os meses de marzo e abril, pasando por todos os centros escolares do municipio.

Trátase dunha inmersión participativa e dinámica nos conceptos e prácticas necesarias, de xeito que as/os participantes sexan as propias nenas e nenos, construíndo historias, compartindo experiencias, manipulando coas mans, xogando, etc.

O principal obxectivo destes obradoiros é iniciar no desenvolvemento de actitudes de equidade e igualdade nos máis pequenos e a promoción da libre elección de condutas, xogos e produtos, independentemente do xénero.Cada módulo constará de 2 sesións de 50 minutos, impartíndose ao alumnado de 4º,5º e 6º de Infantil de CEIP Barrantes, CEIP Sobrada, CEIP Plurilingüe de Tebra, CEIP Pintor Antonio Fernández e nas aulas do CRA Mestre Manuel Garcés.

Nunha primeira sesión, traballarase con conta-contos e posterior debate con actividades lúdicas. Na segunda sesión levarase a cabo cunha dinámica de robótica pedagóxica, na que as nenas e os nenos poderán manipular e desprazar o robot, a través de paneis ilustrados con imaxes da temática adaptadas a súa idade.

A Concellería de Cultura, Benestar e Igualdade de Tomiño, continúa en esta programación aplicando o principio de igualdade coma un principio transversal e apostando pola educación. “A comunidade educativa é un dos contextos socializadores por excelencia. Ao seu amparo, alén de adquirir coñecementos, desenvolvémonos como persoas e como parte dun colectivo; os centros educativos son un poderoso escenario no que traballar”, explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño e responsable de Educación.

Outras actividades

A estes obradoiros, súmanse outras actividades no eido educativo,  coma unha charla para alumnado do IES por parte da psicóloga vasca Ianire Esébanez (21 de marzo), talleres con profesorado dos distintos centros sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, co fin de facilitar ferramentas para a detección e abordaxe de situacións de control e dominación.Asemade, levase a cabo un novo mural dentro do proxecto “Anónimas. Retrato de musas cotiás”, da artista Gemma Marqués e a exposición baseada nese proxecto no Mercado Municipal, máis presentación dun libro-catálogo.O día 10 de marzo de 2019, representarase no Auditorio de Goián (18.00h) a obra “Trinta e tantos ósos”, da compañía Aporía Escénica.