Tomiño participa na formación dunha topógrafa municipal de Mozambique Tres xornadas para a cooperación técnica en urbanismo vincularán a Tomiño no programa Vacacións con Traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Durante o mes de outubro dúas técnicas municipais de Cabo Verde e Mozambique visitarán Galicia dentro do programa Vacacións con Traballo para intercambiar experiencias nalgunhas das áreas nas que as profesionais están interesadas en formarse como saneamento, medio ambiente, planificación urbanística e estradas.

O Concello de Tomiño é entidade socia do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que está integrado por 90 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Neste caso dase a volta ao Programa Vacación con traballo para recibir aos técnicos  africanos para reforzar as capacidades dos municipios de países en desenvolvemento.

Dende onte e ata o venres, a topógrafa Ailina da Marta, da vila mozambicana de Mandlakazi, visita Tomiño para afondar na cooperación técnica formándose en temas como a  xestión de obras e urbanismo municipal, xestión do catastro, instalacións municipais, verificación das obras particulares e municipais conforme ás estratexias de desenvolvemento territorial e saneamento, recollida de residuos, reciclaxe, compostaxe, etc.

Na súa primeira xornada de traballo Ailina destaca o impacto positivo que prevee que vai ter esta experiencia tanto na súa capacitación profesional persoal, como na implementación de novos xeitos de xestionar nas cámaras mozambiqueñas que forman parte da asociación de cámaras municipais á que ela pertenece. Valora o programa como unha poderosa ferramenta para detectar campos de mellora na xestión municipal, pero tamén para coñeces a cultura e o funcionamento político do noso país, moi diferente ao seu, según relata.

Unha vez remate a súa estancia en Tomiño percorrerá outros municipios como Burela, O Barco, A Guarda, Moaña, Narón, San Sadurniño e Valga. O 2 de novembro volverá a Mozambique, e unha vez alí presentará un informe pormenorizado da súa experiencia e coñecementos adquiridos durante a estancia, tanto no ámbito gubernamental de Mozambique como aos seus compañeiros técnicos das diferentes camaras municipais. Unha aposta pola cooperación internacional que, todo apunta, permitirá obter melloras e intercambio de coñecementos e experiencias aos países participantes.