Tomiño participa no proxecto europeo EC4Rural para a creación de comunidades enerxéticas

Tomiño participa no proxecto europeo EC4Rural para a creación de comunidades enerxéticas Liderado pola Universidade de Vigo, púxose en marcha unha enquisa para recoller información

O Concello de Tomiño participa no proxecto europeo EC4Rural, unha iniciativa liderada pola Universidade de Vigo cofinanciada polo Programa LIFE da Unión Europea que busca  contribuír á transición cara a un consumo consciente de enerxía limpa, garantindo que as zonas rurais non queden atrás nun cambio de modelo imprescindible no actual escenario de cambio climático. Procura ademais evitar a pobreza enerxética, camiñando cara a unha transición máis xusta.

Para recabar información e definir modelos de comunidade enerxética adaptados a cada realidade local, a Universidade de Vigo ven de poñer en marcha unha enquisa aberta a toda a veciñanza e axentes de interese. O obxectivo é saber o interese e o coñecemento que teñen vecios e veciñas, institucións, empresas e asociacións de Tomiño sobre estas comunidades enerxéticas e, en xeral, sobre as iniciativas de autoconsumo colectivo de enerxía xerada a partir de fontes renovables.

Xunto con Tomiño, 22 concellos rurais de toda Galicia participan neste proxecto piloto que ten a previsión de activar as primeiras comunidades enerxéticas en setembro de 2025. A Universidade de Vigo lidera o consorcio multidisciplinar desta iniciativa integrada por outras nove entidades de España, Bélxica e Estonia.