Tomiño participa nunha reunión coa comisaria europea de cohesión para presentar experiencias transfronteirizas A Comisaria Europea de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, visitou o Baixo Miño este venres

Tomiño, 27 de outubro 2023.- A Comisaria Europea de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, que participa estes días no Encontro Anual INTERREG 2030 que se celebra en Compostela, visitou hoxe o Baixo Miño para reunirse cos axentes territoriais e coñecer directamente proxectos de cooperación que se realizan entre Galicia e Portugal no marco do programa Interreg-POCTEP.

No marco de este encontro participaron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da cámara de Vila Nova, Rui Teixeira, para dar a coñecer as experiencias innovadoras promovidas pola Eurocidade Cerveira Tomiño. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu á comisaria o oportunidade da reunión e do seu interese, lembrando a súa participación hai 3 anos nas II Xornadas da Amizade Cerveira Tomiño.

No encontro, a alcaldesa de Tomiño e o presidente da cámara de Vila Nova de Cerveira destacaron experiencias como os orzamentos participativos e o programa de valedoras transfronteirizas, para o que contaron coa asistencia á reunión de Zara Pousa, quen fora valedora por Tomiño entre 2017 e 2022, e de Manuela Ferreira, proveedora por Vila Nova dende 2022. Ambos, alcaldesa e presidente, expresaron o compromiso da eurocidade de ampliar a cooperación aos ámbitos da igualdade e da conciliación da vida laboral e familiar, así como da adaptación do territorio ao cambio climático.

Finalmente, fíxose entrega á comisaria da Axenda 2030 da Eurocidade Cerveira Tomiño, recentemente presentada, da que a alcaldesa destacou dous aspectos de entre as 14 prioridades e centos de accións que contén: a necesidade de por o foco na participación da xente nova como aposta clara polo futuro, e a mobilidade transfronteiriza sostible, buscando alternativas limpas como os espazos peonís, a bicicleta e o ferrocarril.