Tomiño pisa o acelerador na prevención de incendios das parroquias de Tomiño e Forcadela As persoas con parcelas situadas nas faixas secundarias que incumpran a normativa terán a vantaxe de poder adherirse a un contrato con Seaga para que este o xestione por tan só 0,035 euros por metro cadrado

Co fin de anticiparse ás históricas vagas de incendios acontecidas frecuentemente nos meses de setembro e outubro, o Concello de Tomiño continúa coa implementación de políticas destinadas a evitar estes sucesos. Logo da recente aprobación do Plan de prevención de incendios, publicado no DOG o día 11 de agosto, desde o consistorio informan que nas vindeiras semanas comezarán a enviarse cartas ás persoas propietarias de fincas situadas nas faixas secundarias das parroquias de Santa María de Tomiño e San Pedro de Forcadela

A “Comisión de seguimento do convenio subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias” decidiu consideralas como priorizadas en materia de prevención debido ao seu nivel de risco, polo que os esforzos irán destinados a previr a aparición de incendios nestas dúas parroquias. O plan de prevención establece que as fincas situadas nas faixas secundarias deben manterse limpas de biomasa e libres de eucaliptos, piñeiros ou acacias. Nesta faixa estarían encadradas as fincas situadas en solo rústico situadas a menos de 50 metros do solo urbano e de núcleo rural, ademais das situadas preto de edificacións, urbanizacións, gasolineiras ou edificacións illadas en solo rústico, entre outras.

Neste sentido, o persoal técnico de Seaga (Empresa pública de Servizos Agrarios Galegos) fixo unha revisión das parcelas situadas nas parroquias priorizadas, determinando a necesidade de notificar a todas as persoas propietarias de aquelas que continúan sen estar debidamente xestionadas. En total enviaranse 1.961 notificacións, 20 delas de forma telemática dirixidas ás persoas xurídicas e empresas. Ademais, tamén se publicarán no DOG e no BOE outras 1.277 notificacións de parcelas das cales se descoñece a persoa propietaria ou non existe a posibilidade de contactar con ela.

Unha vez recibida a notificación, a persoa propietaria disporá de 15 días para limpar a parcela. De non poder facelo, o feito de estar a finca situada nunha parroquia priorizada dálle ás persoas propietarias a vantaxe de poder adherirse a un contrato con Seaga para que o organismo se encargue deste labor. O importe por esta xestión será de 0,035 euros por metro cadrado, o que nunha finca duns 1.400 m2 suporía tan só uns 49 euros, un prezo substancialmente menor ao existente no mercado.

“É moi importante que toda a veciñanza colabore nunha cuestión tan importante como o é a prevención dos incendios forestais mantendo limpas as parcelas situadas nas faixas secundarias, un labor no que se ben se debe incidir de xeito máis exhaustivo nas parroquias priorizadas, é unha obriga que afecta a todo o municipio”, comenta a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro González. 

O 2021 en cifras

No que vai de ano, o Concello de Tomiño tramitou un total de 218 parcelas agrupadas en 99 expedientes por incumprimento da limpeza de fincas e tala de especies prohibidas, labores de obrigado cumprimento segundo a normativa vixente. 

Ditos expedientes tramitáronse logo de recibir 90 denuncias de particulares, sendo os 9 restantes abertos de oficio. Dos 99 expedientes abertos foron tramitados 94 (o 95%) e só 5 foron desestimados.

En canto á titularidade das 218 parcelas expedientadas, 175 das persoas propietarias foron notificadas. Para outras 34 parcelas publicouse un anuncio no BOE, xa que 14 delas estaban baixo investigación e non existía un enderezo para realizar a correspondente notificación e outras 20 notificacións non foron recollidas polas persoas propietarias, polo que se procedeu á súa publicación.

Das 175 parcelas nas que as persoas propietarias foron notificadas, 87 delas comunicaron ao Concello que a limpeza das mesmas fora efectuada. O baixo número en relación ás parcelas totais notificadas non implica que non fosen limpadas, senón que moitas das persoas que as realizan non o notifican despois, unha tarefa a ter en conta e sobre a cal continúan incidindo desde a institución municipal.

En datos por parroquias, dos 99 expedientes iniciados 36 deles están vencellados as parroquias priorizadas, Tomiño e Forcadela con 28 e 8 respectivamente, seguidas de Sobrada, con outros 8 e Amorín, Barrantes, Estás e San Salvador de Tebra con 7. Goián continuaría a lista con 6 expedientes, Santa María de Tebra e Taborda con 5, Vilameán con 4, Piñeiro 3, Figueiró 2 e Currás e Pinzás con un expediente cada un.

Na tramitación destes expedientes cabe destacar a dificultade cada vez máis frecuente de localizar ás persoas propietarias. No que vai de 2021 foron realizadas doce execucións subsidiarias, executadas por medio de contratados, cun gasto total de 7.240,60 euros correspondentes a expedientes creados no 2020.