Tomiño pon en marcha o programa de compostaxe comunitario en núcleos urbanos

A experiencia, impulsada dende a Concellaría de Medio Ambiente co apoio da Deputación de Pontevedra, comezou a semana pasada no Seixo, e esta en Goián, con perto de 300 persoas interesadas en participar

O Concello de Tomiño vén de por en marcha o programa de compostaxe comunitario nos núcleos do Seixo e Goián. Perto de 300 persoas están participando no programa tras as diferentes charlas informativas levadas a cabo pola Concellaría de Medio Ambiente, que dirixe Mª Xosé Vázquez, co obxecto de informar á veciñanza sobre as vantaxes de este tipo de tratamento de residuos orgánicos.

Segundo explica a concelleira, a iniciativa enmárcase dentro do programa da súa concellalía, que tamén contempla compostaxe no rural, coa finalidade de diminuír a cantidade de lixo que vai ao colector verde. “Así conséguese un dobre obxectivo: reducir o impacto ambiental, evitando o transporte do mesmo a Cerceda e a súa posterior incineración, e ao mesmo tempo rebaixar os gastos asociados á recollida e tratamento de lixo, que na actualidade constitúen unha partida importante do orzamento municipal”, sinala Mª Xosé Vázquez.

En Goián o centro de compostaxe comunitario está situado xunto á nova escola infantil e no Seixo, na rúa Gondomar, nunha pequena praza anexa ao Casino. Entre os interesados en participar no programa atópanse ademais de veciños e veciñas, cafetarías, restaurantes, panadarías, etc.

Manuel Gómez é o técnico encargado de levar adiante o programa, co apoio da Deputación de Pontevedra e o Concello tomiñés.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse nas oficinas xerais do Concello.

 

Para máis información, chamar á Concellaría de Medio Ambiente (986 62 20 01); á Deputación e preguntar por Manuel Gómez, técnico do Plan Revitaliza (986 80 41 00), ou ben, escribir un correo electrónico a manuel.gomez@depo.es