Tomiño pon en marcha ‘Peludos en apuros’, unha xornada de adopción de cans e gatos

Tomiño pon en marcha ‘Peludos en apuros’, unha xornada de adopción de cans e gatos Está organizada polo grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño e celebrarase este sábado 1 de 10 a 14 horas na Praza do Seixo

Co obxectivo de concienciar sobre a tenencia responsable de mascotas e fomentar a adopción de animais de compañía, o Concello de Tomiño pon en marcha ‘Peludos en apuros’, unha xornada de sensibilización e adopción de cans e gatos que se celebrará este sábado 1 de outubro de 10.00 a 14.00 horas na Praza do Seixo.

Organizada polo grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño, o obxectivo desta xornada é promover a adopción fronte á compra de animais de compañía, así como concienciar a todas e todos os participantes da importancia de non abandonalos ao longo do ano e loitar contra as estatísticas, que sinalan que cada tres minutos unha mascota é abandonada en España, unha das cifras máis altas de abandono animal en Europa.

Durante toda a mañá do sábado a Praza do Seixo converterase en lugar de encontro para posibles adoptantes, onde voluntarios e voluntarias vinculadas ás protectoras participantes informarán a visitantes sobre o problema do abandono, ademais de asesorar sobre como adoptar unha mascota.

Os grandes protagonistas serán os cans e os gatos, que poderán participar no photocall gatuno e canino. Por outro lado, tamén haberá recollida de alimentos e materiais que serán entregados ás protectoras de animais. Dende o Concello de Tomiño anímase a todas as persoas interesadas a participar nesta iniciativa de grande importancia, xa que é vital educar e sensibilizar á poboación.