23 Mar Tomiño pon en marcha un completo programa de accións para reactivar a actividade económica e social Inclúe novos servizos xa en funcionamento e novas actividades de dinamización “para que a veciñanza volva tomar as rúas”
Tomiño quere que as súas rúas e o seu comercio local recobre vida. O Concello vén de poñer en marcha ‘Vive!’, unha campaña cun completo programa de accións de diferente índole que se realizarán durante os meses de marzo, abril e maio que busca reactivar a actividade económica e social do municipio. “Queremos que a veciñanza volva á rúa e que as fins de semana sexan animadas, saíndo pouco a pouco da dinámica pandémica na que estamos inmersos. E querémolo porque sabemos que iso favorecerá tanto ao comercio local e aos nosos mercados municipais como a hostalaría”, explicou a alcaldes, Sandra González, durante a presentación da campaña no Mercado Municipal de Tomiño. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Francisco Campo.
Trátase dunha campaña integral que busca ofertar novos servizos, como os carros da compra nos núcleos urbanos de Goián e Tomiño para facilitar á veciñanza mercar nos establecementos locais, postos en marcha recentemente e que “están funcionando moi ben, de feito imos ampliar o número de carros dispoñibles”. Tamén acaba de inaugurarse esta semana un “innovador e dinámico” servizo de consigna para a recollida de pedidos pola tarde na praza de abastos de Tomiño e estrearase en breve a nova web dos mercados de Goián e Tomiño, que vai “nese camiño cara á dixitalización e modernización que teñen que facer os nosos mercados para chegar á nova clientela”.
O programa de actividades arranca esta mesma fin de semana cos ‘Domingos sesión vermú’, unha xornada na que se combinará a música de grupos tomiñeses co bo ambiente no Mercado Municipal de Tomiño. A primeira cita será este domingo 27 ás 12.30 horas con Lara e Diego. Os vindeiros encontros serán os días 10 de abril e 15 de maio con Acevedos Delgados e Alonso, Piñeiro, González Trío, respectivamente.
Tamén se retomarán os ‘Sábados con sabor’, nos que o público poderá degustar pinchos e viños e co que se busca “ofrecer á veciñanza espazos de lecer ao tempo que se lles anima a mercar no mercado e no comercio local”. Serán os días 2 e 9 de abril e 7 e 21 de maio a partir das 13.00 horas e as persoas interesadas deberán comprar o ticket previamente en calquera posto do Mercado de Tomiño.
Co obxectivo de que todas as fins de semana haxa actividades de lecer chegan os ‘Mercados con-ciencia’, unha charla con investigadores e investigadoras de diferentes campos coas que achegar a ciencia ao público xeral. O profesor da Universidade de Vigo e responsable de Divulgare, Luis Navarro, estará en Tomiño o 30 de abril, mentres que o 28 de maio o encontro será con Luisa Martínez, doutora en Ciencias do Mar, responsable da Unidade de Cultura Científica da delegación do CSIC en Galicia e escritora.
Para animar a veciños e veciñas a comprar en Tomiño tamén se sortearán 200 carriños da compra “entre todos os clientes do comercio local, algo moi útil e que á xente lle gusta, como temos comprobado noutras iniciativas similares que levamos a cabo, como a de Nadal”, salienta a rexedora.
Para incentiva non só o comercio senón tamén o emprendemento, ao abeiro desta campaña tamén “se fomentarán novas oportunidades de negocio” coa licitación de tres postos no Mercado de Tomiño e dun posto no Mercado de Goián, así como dun espazo dedicado á hostalaría na Unión do Porvenir e no Espazo Fortaleza de Goián.