Tomiño pon en marcha un curso de competencias dixitais para mulleres en situación de vulnerabilidade

Tomiño pon en marcha un curso de competencias dixitais para mulleres en situación de vulnerabilidade O obradoiro, de balde, celebrarase do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. Prazo de inscrición aberto ata o 30 de setembro

O Concello de Tomiño pon en marcha o curso ‘Competencias dixitais para o emprego e nas relacións coa Administración’, un obradoiro de balde dirixido a mulleres usuarias dos departamentos municipais de Benestar Social e Orientación Laboral en situación desemprego, de mellora de emprego e/ou en situación de especial vulnerabilidade por diversas circunstancias.

Trátase dunha medida plantexada para facilitar ás participantes ferramentas na procura da súa inserción laboral dende o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e paliar a brecha laboral, dixital e territorial de xénero que a crise sanitaria derivada da Covid-19 acentuou e que trae como consecuencia o risco de illamento socio-laboral, especialmente no caso das mulleres, tradicionalmente dedicadas aos coidados de menores e dependentes, en detrimento da súa formación e do seu desenvolvemento socio-laboral.

O curso, co-financiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño, impartirase dous días á semana do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. A xornada será de dúas horas e media ao día, dividindo ás participantes en tres grupos, dous de mañá (luns e mércores, de 09.30 a 12.00 h e martes e xoves de 09.30 a 12.00 h) e outro de tarde (luns e mércores, de 16.00 a 19.30 h). Ademais o Concello ofrece ás participantes que o precisen servizo de canguraxe gratuíto no grupo de tarde.

As participantes recibirán formación teórico/práctica en internet básico e medio (correo electrónico, Google office…), internet para o emprego (novos traballos e profesións, elaboración de CV e distribución por web/mail, boas prácticas en redes sociais  para uso profesional, portais e buscadores de emprego…) así como no uso das webs da Administración (sinatura dixital, SEPE, Seguridad Social…). O curso completarase cun módulo dedicado a Dereitos Laborais e un módulo básico de Igualdade, impartidos por profesionais de ambas áreas.

Ademais de para mulleres usuarias de Benestar Social e Orientación Laboral, o Concello abre a inscrición a mulleres que aínda que non sexan usuarias destes servizos se atopen en situación de desemprego ou mellora de emprego e estean interesadas. Dado que, por mor das medidas de seguridade e aforo máximo o número de prazas é limitado, en caso de que exista maior demanda que as existentes darase preferencia a mulleres empadroadas en Tomiño que, polas súas circunstancias persoais e/ou familiares, se atopen en maior risco de exclusión (mulleres con cargas familiares non compartidas, desempregadas de longa duración e similares).

Para a inscrición, as interesadas poden enviar un correo electrónico a ana.sanchez@tomino.gal, indicando no  Asunto “Obradoiro competencias dixitais” e achegando os seguintes datos:

–          Nome e apelidos

–          DNI

–          Teléfono de contacto

–          Enderezo:

–          Indicación de situación laboral

Prazo de inscrición aberto ata o mércores 30 de setembro ás 13.00 h.