Tomiño pon en marcha unha campaña para reducir os vertedoiros incontrolados de mobles e electrodomésticos que proliferan durante o verán A recollida gratuíta de obxectos voluminosos, faise dende hai anos, chamando ao Concello

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño, que dirixe Ana Belén Casaleiro, vén de por en marcha unha campaña de verán de recollida de voluminosos, co obxectivo de reducir o número de vertedoiros incontrolados que, sobre todo, en verán, proliferan nas proximidades dos colectores de residuos sólidos e de recollida selectiva.

Tras descubrir un aumento de casos, especialmente xunto aos colectores de lixo, a concelleira ve a necesidade de incidir na opinión pública a través dunha campaña específica de carteis, que se distribuirán nos puntos de información municipal (PIM) das parroquias e lugares concorridos, coma os mercados  municipais de Tomiño e Goián; Centro de Saúde, Centro de Día, Concello, etc.

“Con esta acción queremos concienciar á poboación de Tomiño da necesidade de coidar e manter limpo o noso municipio, lembrando que temos un servizo de balde que leva anos funcionando moi ben”, explica a concelleira. So é necesario chamar ao Concello (986 622 001) onde indicarán os días que se fai a recollida de mobles (sofás, camas, cadeiras, etc.), electrodomésticos (lavadoras, frigoríficos, aspiradoras, microondas, secadoras, torradoras, televisores, etc.) e outros enseres voluminosos (colchóns, táboas, etc.).