Tomiño pon en valor o seu patrimonio románico con concertos líricos e de música medieval O concello posúe catro ricos exemplos da arte do século XII nas parroquias de Santa Mª de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa Mª de Tebra e Barrantes

Dentro da axenda de verán do Concello de Tomiño, destaca con luz propia o ciclo “Música e Románico”, organizado por primeira vez dende a Concellalía de Cultura, co fin de por en valor o importante patrimonio histórico artístico que representan as igrexas de época románica situadas en catro parroquias do municipio (Santa Mª de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa Mª de Tebra e Barrantes).

Catro templos do século XII para catro grandes concertos de música lírica galego-portuguesa e cantigas medievais. Como complemento, especialistas en Historia da Arte, brindarán ao público unha breve explicación previa das principais características do templo que albergue o evento musical. “Deste xeito, combinamos historia, arquitectura e música, lembrando a riqueza patrimonial que temos en Tomiño”, explica Ani Fernández Carrera, concelleira de Cultura.

No caso das parroquias de San Salvador e Santa María de Tebra, o encargado de ofrecer a reseña histórico-artística será o párroco José Luis Blanco, estudoso da arquitectura románica. Pola súa banda, Sara Quintana, licenciada en Historia da Arte, ocuparase de introducir as igrexas de Barrantes e Santa Mª de Tomiño.

Inaugurando o ciclo “Música e Románico” e tamén o mes de xullo, Laura La Montagne & Picoamperio será a encargada de ofrecer o primeiro dos concertos (Igrexa románica de San Salvador de Tebra, venres 1 de xullo ás 20.30 horas). Cunha tradición galego-portuguesa das “cantigas de amigo”, o seu imaxinario destruirá fronteiras temporais e estilísticas, dentro dun proxecto que mestura hip-hop e folclore.

A segunda das citas virá da man de “Esperanza Mara”, soprano noiesa que traerá a Tomiño unha proposta musical baseada nas cantigas medievais e pre-renacentistas (15 de xullo. 20.30h. Igrexa Románica de San Vicente de Barrantes.

O 22 de xullo a cita será na Igrexa románica de Santa Mª de Tomiño (20.30h), con “Parbö”, dúo formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó, que nos achegarán unha proposta na que mesturan patrimonio e música. Os instrumentos que usan son a zanfona, a arpa céltica e o violín cun repertorio baseado na música tradicional.

E pechando este ciclo tan especial “Treides comigo!”, con Xoán Curiel, un dos artistas multidisciplinares da Fonsagrada, que leva participado no mundo das artes como actor, músico e cantante, acadando numerosos premios. A súa proposta está creada a partir de cantigas medievais compostas por trobadores galegos.