Tomiño premia a creatividade do alumnado para mellorar a xestión do lixo dos seus centros educativos

Tomiño premia a creatividade do alumnado para mellorar a xestión do lixo dos seus centros educativos O xurado premiou as pezas audiovisuais de 4º, 5º e 6º de EI do CEIP Pintor Antonio Fernández, de 5º e 6º de primaria do CEIP Tebra e de 4º da ESO do IES Antón Alonso Ríos

Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente e pondo o broche final á Semana do Medio Ambiente, o Concello de Tomiño premiou a creatividade e as ideas do alumnado do municipio para mellorar a xestión do lixo nos seus centros educativos. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, fixo a entrega dos galardóns ás autoras e autores dos proxectos premiados no concurso audiovisual ‘Como mellorar a xestión do lixo no meu centro’, un certame co que se buscaba “achegar a toda a veciñanza a importancia dunha xestión adecuada dos residuos, reflexionando sobre o impacto que produce o lixo no medio ambiente e facéndoos partícipes da solución”.

Na categoría benxamín o gañador foi o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil do CEIP Pintor Antonio Fernández co seu ‘Pequenos xestos’, un vídeo que recolle o seu traballo de reflexión sobre o que se fai ben e o que se pode facer mellor no tratamento do lixo no centro. Como segundo clasificado quedou o grupo de EI CEP Tebra.

Mentres, na categoría infantil a peza audiovisual gañadora foi a do alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tebra, que adaptaron unha canción que tocaron contando o que se fai no centro e pedindo a colaboración de todas as persoas para continuar mantendo limpo o colexio.

Pola súa banda, na categoría xuvenil os premiados foron os vídeos de 4º ESO A, 4º ESO B e 4º ESO C do IES Antón Alonso Ríos, que recompilan o que xa se está a facer e achegan diferentes ideas e propostas para seguir mellorando a xestión do lixo no centro. Nesta categoría os proxectos presentados por 1º ESO E 1º ESO C e 1º ESO D quedaron como segundos e terceiros clasificados, respectivamente.

As clases gañadoras dos primeiros premios foron galardoadas cunha visita grupal á Aula temática da Comunidade de Montes de Pinzás, con actividades adaptadas a cada grupo de idade e un detalle individual para cada un e cada unha das participantes. Na categoría benxamín o segundo clasificado foi premiado con esta mesma visita, mentres que na xuvenil os grupos que quedaron en segundo e terceiro posto recibirán un detalle individual.

A concelleira agradece a participación de todas e todos os estudantes nesta iniciativa e a implicación do equipo docente e dos centros.