Tomiño premia a mellor decoración do comercio local O xurado da campaña Nadal + Nadal valorou aspectos como a creatividade, a iluminación ou a harmonía entre os elementos empregados

O xurado do concurso de decoración de escaparates e locais da campaña Nadal + Nadal, organizada polo Concello de Tomiño, deu a coñecer xa o seu veredicto final. O concurso tivo como finalidade incentivar aos comerciantes a crear un ambiente natalicio agradable e atraente para a veciñanza, axudando así a potenciar o consumo no comercio local.

O xurado do concurso  estivo conformado por dous representantes do comercio local, dous artistas do municipio e un representante do Concello de Tomiño. Para valorar aos participantes, tivéronse en conta unha serie de criterios, entre os que se atopan o impacto da decoración, a creatividade empregada, a iluminación, a integración de elementos naturais e a harmonía existente entre os motivos decorativos.

Na modalidade de mellor escaparate o 1º premio foi outorgado á Herboristería Hildegarda, dotado con 500 euros, mentres que o 2º premio levouno J. Carrera Decoración, por un valor de 250 euros. En canto á modalidade de mellor local, o 1º premio foi para a Librería Novidades, con 500 euros.

No xurado houbo consenso en que os gañadores son os que reúnen unha mellor cualificación no conxunto dos criterios e dunha forma máis equilibrada. Non obstante, quixeron destacar o gran nivel que había en moitos dos candidatos, onde se apreciou un gran traballo e dedicación, o que fixo que a elección estivese moi disputada. Animan aos comerciantes a continuar participando de iniciativas deste tipo en vindeiras ocasións.

COMPRAS QUE VALEN O DOBRE

No marco da campaña Nadal + Nadal, o Concello de Tomiño tamén realizou o pasado 26 de decembro no salón de plenos do Concello o sorteo dos tíckets de compra gañadores dun vale polo dobre do seu valor, válido para mercar en calquera dos comercios adheridos á campaña ata o próximo día 5 de xaneiro. Os vales de compra por un valor total de 3.000 euros foron repartidos entre 33 tíckets premiados.