
23 Feb 2023 Tomiño premia o seu deporte O Concello recupera este sábado 25 de febreiro a Gala do Deporte tras o parón pola pandemia. Será ás 21 h no auditorio municipal e estará aberta a todos os públicos
Tomiño continúa apostando polo deporte e polas súas e seus deportistas. Despois de tres anos sen poder celebrar o evento a causa da situación sanitaria, o Concello recupera a Gala do Deporte, que chega á súa sexta edición para premiar ás e aos deportistas, equipos, adestradores, clubs, asociacións e entidades tomiñesas máis destacadas durante o último ano. O evento terá lugar este sábado 25 de febreiro a partir das 21.00 horas no auditorio municipal de Goián e estará aberto a todos os públicos.
A Concellaría de Deportes, que dirixe Francisco Campo, está xa a ultimar os últimos detalles da organización desta gala, que na súa última edición no ano 2019 distinguiu o traballo de ata sete deportistas e catro clubs e entidades e entregou seis mencións especiais. A gala será presentada polo xornalista deportivo Terio Carrera, que irá chamando a todas e todos os gañadores tras coñecer a votación do xurado técnico nomeado para a ocasión.
Nesta ocasión entregaranse ata once galardóns:
- Mellor adestrador
- Mellor club de fútbol 2022
- Mellor equipo base
- Premio Afán de superación
- Promesa masculina
- Promesa feminina
- Mellor deportista masculino
- Mellor deportista feminina
- Entidade que colabora co deporte
- Patrocinador
- Mencións deportivas 2022
Dende o Concello convídase a toda a veciñanza a participar nesta gala, na que agarda contar coa presenza de colectivos, asociacións, clubs e público xeral para render homenaxe a todas as persoas deportistas tomiñesas e premiar a aquelas que destacaron durante o 2022, con especial referencia ao deporte base.